A Xunta solicita licencia ao Concello de Ourense para a construción do centro integral de saúde (CIS)

Ourense, 2 de xullo de 2022

A Xunta de Galicia vén de presentar esta semana no Concello de Ourense a solicitude de licenza de obra que lle permitirá poder iniciar a construción do novo centro integral de saúde na cidade.

O novo CIS de Ourense esta recollido dentro da Fase 0 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria. A redacción do seu proxecto arquitectónico licitouse no mes de xullo do ano pasado por un importe de preto de 350.000 euros, e cun orzamento previsto para a licitación da obra que superará os 10 millóns de euros. Unha vez recibido e aprobado o proxecto básico, o goberno galego inicia os trámites de obtención da licenza ao tempo que o estudo adxudicatario elabora o proxecto de execución desta nova obra e o proxecto de demolición do actual centro de saúde Nóvoa Santos.
 
O novo CIS significará un antes e un despois para a atención sanitaria da cidade, xa que permitirá substituír un edificio obsoleto, como é o actual centro de saúde Novoa Santos, por unha infraestrutura completamente renovada, moderna, mais accesible e orientada a paciente. Un novo centro de saúde que permitirá aumentar a carteira de servizos con programas novos e específicos e tamén incrementar a dotación de recursos tanto estruturais como diagnósticos; e tamén humanos. En total, o novo centro integral de saúde albergará unha superficie útil de 5.662,5 metros cadrados.
 

Con este novo centro integral de saúde vaise mellorar de forma substancial a atención sanitaria, non só deste centro, senón da cidade de Ourense. O persoal sanitario desenvolverá o seu traballo nunhas instalacións melloradas e os pacientes recibirán unha atención máis adaptada ás necesidades actuais.

 
Proxecto sostible que incorpora a madeira
O proxecto deste novo edificio elaborado polo estudo arquitectónico adxudicatario do contrato (Ezcurra e Ouzande) incorpora, tal e como esixían os pregos de contratación, un uso da tecnoloxía da madeira tanto no seu sistema estrutural como no seu cerramento. Un modelo de arquitectura sostible que a Xunta ensaiou co PAC da Laracha e que está incorporado tamén nos proxectos da ampliación do centro de saúde do Porriño ou dos novos centros de saúde de Abegondo, Antas de Ulla ou Moaña e que lle ten valido ao Sergas o recoñecemento como socio honorífico do Clúster da Madeira.
 
Nese senso, o proxecto propón unha estratexia sostible que utiliza materiais, métodos de construción, sistemas enerxéticos e infraestruturas de instalacións que seguen os principios C2C de economía circular apostando por un desenvolvemento intelixente e sostible que relaciona e copia os ciclos pechados dos procesos naturais, usando o máximo de enerxías renovables no proceso da construción e utilización.
 
Así, o edificio, que constará de 11 alturas cunha cuberta plana, incorporará cubertas, patios e paramentos que irán tecendo xunto ao desenvolvemento funcional un acabado vexetal que illa cubertas, viste muros e planea pequenos xardíns que contribúen á percepción amable do edificio. Todo isto ofrece unha imaxe de conxunto, na que teñen un protagonismo importante os elementos vexetais: a pel é verde, aparecendo unha segunda pel de madeira no pechamento, os paramentos e as carpinterías. A madeira funcionará como ferramenta para reducir as emisións e mitigar os efectos do cambio climático.
 
Renovación de infraestruturas de atención primaria na provincia de Ourense
Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 100 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as cinco obras que están arestora en marcha. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.
 
En particular, na provincia de Ourense, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como o de A Merca, Toén, Entrimo, Vilar de Santos, Vilamarín, Barbadás, Pontedeva, Pereiro de Aguiar e Paderne de Allariz e as reformas de A Peroxa (Os Peares) e de Carballeda de Avia, mentres que se atopan iniciadas as reformas nos centros de saúde de Arnoia e Ribadavia.
Para continuar con este esforzo, o Goberno galego aprobou en 2021 o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, que no caso da provincia de Ourense, contempla a construción de oito centros e unha reforma.
 
Así, mentres a fase 0 inclúe o CIS da cidade de Ourense e o novo centro de saúde de A Rúa (ambos cos proxectos xa adxudicados), na fase 1 contémplanse os novos centros de saúde de Boborás e Muíños (sobre os cales xa se asinaron cos concellos os convenios para cesión das parcelas) e O Carballiño (sobre o que se remitiu proposta de protocolo de colaboración ao concello), mentres que na fase 2 proxectase a construción de novos centros en Allariz, Montederramo e no barrio de Mariñamansa da cidade de Ourense, así como a reforma do centro de saúde e PAC de Viana do Bolo.

Imaxes relacionadas