A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria recibe o XVII Premio á Administración Sanitaria

O xurado premiou a Estrella López-Pardo polo “compromiso coa escoita e a aposta pola dixitalización” do departamento que dirixe

O Conselleiro de Sanidade acudiu a este evento organizado por Redacción Médica, en colaboración de Abbot, Carburos Médica e Organon
Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2022

A Directora Xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, Estrella López-Pardo, foi galardoada co Premios á Administración Sanitaria na XIX Gala de Verán da Sanidade Española, organizado o xoves 30 de xuño por Redacción Médica, coa colaboración de Abbott, Carburos Médica e Organon.

O xurado valorou o seu “compromiso coa escoita”, así como a súa “aposta decidida pola dixitalización que impregna a todos os niveles asistenciais e que incluso chega ao fogar do paciente”.

No seu discurso, Estrella López-Pardo agradeceu o galardón á Redacción Médica e aos seus colaboradores; así como a confianza depositada na súa persoa polo Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. A directora fixo partícipe deste premio nacional a todo o seu equipo, agradecendo a súa profesionalidade e compromiso no deseño “dos numerosos proxectos estratéxicos, que son a base do cambio”.

Entre estas iniciativas, destacou os Plans Locais de saúde, uns instrumentos que achegan á xestión ás necesidades da sociedade, facilitan a autoxestión, melloran a organización, e favorecen a transformación dixital. Tamén salientou o sistema XIDE, que xunto ca ferramenta CRM100, facilita o acceso personalizado aos centros de saúde, pon orde na demanda imprevista e permite que os profesionais de todas as categorías desenvolvan ao máximo as súas competencias.

Por último, aproveitou para agradecer o apoio da súa familia, en especial as súas fillas, presentes no evento, e facer unha defensa dun “liderado de servizo, escoitar e conectar cos profesionais, esforzándonos por compartir valores”.

Imaxes relacionadas