A Xunta construirá en Malpica un novo centro de saúde que duplicará a superficie do actual

O conselleiro de Sanidade e o alcalde asinaron hoxe o protocolo que permitirá a cesión á Xunta da parcela na que se edificará

O novo inmoble permitirá habilitar salas separadas para extraccións, técnicas e urxencias e ampliar os espazos da área de pediatría

Malpica incorporará en setembro un novo profesional médico con praza fixa grazas á convocatoria de 106 prazas de facultativo especialista en atención primaria lanzada pola Xunta
 

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2022.- O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga asinaron esta mañá un protocolo de colaboración para a cesión dos terreos para a construción dun novo centro de saúde na localidade. Con este compromiso asinado, o concello xa pode comezar cos trámites urbanísticos e expropiatorios necesarios para ceder unha parcela de aproximadamente 1.800 metros cadrados, o que permitiría á Xunta edificar un centro de saúde de preto de 1.000 metros cadrados en planta baixa, co que duplicaría os 500 metros cadrados cos que conta a instalación actual

 

O novo centro de saúde permitirá habilitar unha sala de toma de mostras, unha sala de urxencias e unha sala de técnicas separadas e cunha sala de espera aparte. Vaise ampliar tamén a área pediátrica e manter a consulta de pediatría pero haberá tamén outra consulta para enfermería pediátrica, unha sala de espera específica e uns aseos diferenciados para esta zona. Para os profesionais tamén haberá melloras importantes nas súas instalacións propias, xa eu por primeira vez poderán ter unha sala de estar, uns vestiarios ou un despacho de coordinación.

 

Pero esta infraestrutura non será o único avance xa que Malpica contará un novo facultativo especialista en atención primaria con praza fixa desde setembro. Como xa é sabido a Xunta vén de convocar 106 prazas para facultativos especialistas en atención primaria que se van a cubrir mediante concurso de méritos, para incentivar aos residentes que rematan a quedarse na atención primaria cun posto absolutamente estable, en propiedade. E unha desas prazas vai ser para o centro de saúde malpicán.

 

Infraestruturas de Atención Primaria na provincia da Coruña

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 93 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre máis de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as dúas obras que están en marcha. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

 

En particular, na provincia da Coruña, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como o de Coristanco, Oleiros, A Coruña (Novo Mesoiro), Cambre, Malpica, Arteixo, Culleredo (Portádego) e Santiago de Compostela (Galeras). Nesta lexislatura puxéronse en marcha o novo centro de saúde de Ames (Milladoiro), Melide e Narón e as reformas de Ortigueira, Mugardos, As Pontes, Ribeira e Bertamiráns.

 

No que respecta aos centros de titularidade municipal, foron xa reformados nestes últimos anos, a través de cofinanciamento cos concellos, os centros de saúde Oza-Cesuras, Arteixo, Cabanas, Boimorto, Malpica de Bergantiños, Padrón, Coristanco, Cee e Monfero, mentres se atopan en fase de remate as obras conveniadas en 2021 nos centros de saúde de Bergondo e Valdoviño.

 

Para continuar con este esforzo, este ano o Goberno galego aprobou o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, que no caso da provincia da Coruña, contempla a construción de dez novos centros de saúde, nos concellos de Abegondo (cuxo proxecto de obra xa está adxudicado), Santa Lucía na cidade da Coruña (cuxo convenio xa está asinado co Concello), Noia, Ribeira, Porto do Son, Fisterra, Malpica de Bergantiños, San Xoán na cidade de Ferrol, Fene e Teo.

 

Ademais, o Plan contempla obras para reformar e modernizar integramente, e nalgúns casos ampliar, outros cinco centros como o de Carballo (que se converterá en Centro Integral de Saúde), o de Conxo na cidade de Santiago ou os de Culleredo (Acea da Ma), Cedeira e Vimianzo.

Imaxes relacionadas