A Xunta volve reclamar ao Goberno central un concurso de méritos que cubra as vacantes na Policía Autonómica

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, fixo entrega de dúas furgonetas ao Equipo de Resposta Policial coas que reforzar o parque móbil da unidade e mellorar a eficiencia nos seus operativos
 
O ERPOL encargase de tarefas como a loita contra o furtivismo e o marisqueo ilegal que no que vai de ano contou con case 900 dispositivos con máis de 1.200 inspeccións que deron como resultados 515 denuncias e 38 detencións
Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2022

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, volveu reclamar hoxe que o Goberno central atenda a demanda histórica para cubrir as prazas vacantes na Policía Autonómica e, polo tanto, publique canto antes o convenio que permita convocar o concurso de méritos para que esta unidade poda prestar o servizo ao que os galegos e galegas teñen dereito.

A Xunta leva reclamando de forma reiterada ao Ministerio do Interior a cobertura das vacantes nesta unidade de maneira que se cumpra a previsión de cadro de persoal aprobada e que ascendía a un total de 500 efectivos. De feito, dende a súa creación hai máis de dúas décadas e coa fixación en 1996 da súa dotación definitiva en medio milleiro de axentes, acadouse o máximo en 2013 con 473 axentes e desde ese ano produciuse un descenso continuado ata os 366 actuais.

Polo tanto, a Policía Autonómica atópase ao 73,2% da súa capacidade cun déficit de efectivos do 26,8%, pese a ter asumido nos últimos anos novas competencias. Ás súas funcións habituais en materia de seguridade, súmanse outras relacionadas coa protección do medio ambiente e do patrimonio cultural, a prevención e investigación de incendios, a loita contra o furtivismo e o marisqueo ilegal, a protección de menores e de vítimas de violencia de xénero, ou a vixilancia das rutas do Camiño de Santiago e a atención ao peregrinos.   

Diego Calvo realizou esta reivindicación hoxe durante a entrega ao Equipo de Resposta Policial (ERPOL) da Policía Autonómica de dúas furgonetas para mellorar a eficacia nos seus operativos, que supuxeron un investimento de 112.000 euros. Estes dous vehículos súmanse aos 130 do parque móbil dos que conta a unidade e dos que 70 foron renovados nos últimos 5 anos.

Ao acto de entrega tamén asistiron o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor; o comisario xefe da Policía Autonómica, Jorge Rubal, e o responsable do ERPOL, Fernando Molina.

Os efectivos do ERPOL, en colaboración co servizo de Gardacostas da Consellería do Mar, levan a cabo dispositivos dirixidos a impedir a actuación dos furtivos, tanto na actividade extractiva como na venda, transporte e distribución do produto, sen as debidas garantías sanitarias. Ademais da loita contra o furtivismo este grupo especializado da Policía Autonómica tamén se ocupa doutras situacións de conflitividade que requiren unha resposta policial inmediata tales como actuacións de salvamento e rescate de persoas, operativos en catástrofes ambientais, a prevención de incendios e a protección dos recursos mariños, así como a seguridade en actos institucionais.

No que se refire en concreto á loita contra o furtivismo e o marisqueo ilegal, malia á perda de efectivos da Policía Autonómica e de ter asumido outras funcións como a protección das mulleres vítimas de violencia de xénero ou a vixilancia dos camiños neste Xacobeo 21-22 que precisan de persoal permanente, mantense o nivel de actividade de exercicios anteriores. No que vai de ano leváronse a cabo 887 dispositivos e 1.289 inspeccións que deron como resultado 515 denuncias e 38 detencións.  

En canto ás operacións policiais neste eido destaca un dispositivo  na zona de Ferrol, a operación Salitre, na que os axentes detectaron a furtivos que se dedicaban a extraer recursos mariños con equipos de mergullo empregando ademais medios prohibidos para a captura do polbo. Tamén depuraban nunha depuradora clandestina o marisco extraído de forma ilícita na ría de Ferrol. Deu como resultado a finais de xuño 11 persoas investigadas e 2 detencións.

Imaxes relacionadas