A Xunta adxudica por preto de 37,8 M€ as obras da estación de autobuses da intermodal da Coruña

Trátase da execución da nova terminal de autobuses e o aparcadoiro subterráneo, cun investimento de 29,7 M€; e o proxecto de elementos comúns elaborado por ADIF, cun orzamento de 10 M€, que materializará a Xunta

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé iniciar os traballos en outubro

As obras levarán aparellados 700 empregos e suporán unha transformación para a cidade, ao integrar nun único espazo moderno e accesible o autobús e o ferrocarril

Do orzamento global recollido no convenio, a Xunta achegará 19,6 M€, practicamente a metade
 

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou hoxe por 37.769.662 euros a execución das obras da estación de autobuses da intermodal da Coruña.

 

Este contrato, adxudicado á UTE Comsa, S.A.U - Construcciones y Obras Taboada Ramos, S.L.U., conta cun prazo de 29 meses e inclúe a execución do proxecto da nova terminal de autobuses integrada na estación de ferrocarril e un aparcadoiro deseñado pola Xunta e que suporá un investimento de 29,7 M€. O contrato inclúe, ademais, a execución do proxecto de elementos comúns da intermodalidade elaborado por ADIF, pero que asume agora a Xunta para a súa materialización, cun investimento de 10 M€.

 

O departamento de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta prevé iniciar as intervencións no vindeiro mes de outubro. Os traballos levarán aparellados 700 empregos e suporán unha transformación da cidade, ao integrar nun único espazo, cunhas instalacións renovadas, modernas e accesibles, o autobús e o ferrocarril.

 

Do investimento global de 39,8 M€ recollido no convenio de colaboración asinado, a Administración autonómica achegará 19,6 M€, é dicir, practicamente a metade, aproveitando a oportunidade extraordinaria que representan os fondos Next Generation.

 

O Concello achegará preto de 12 M€, investimento que verá en parte recuperado a través da explotación comercial do aparcadoiro; e ADIF asumirá o peso maioritario do financiamento dos espazos comúns, con 8 M€.

 

A obra da nova estación de autobuses

A estación de autobuses desenvolverase de forma paralela á avenida da Sardiñeira e ás vías do tren. Contará cun nivel superior no que se emprazarán, á mesma cota, o edificio de viaxeiros e as dársenas e no que se situará a pasarela peonil de comunicación coa avenida do ferrocarril; e un inferior, a cota variable, onde estará o aparcadoiro, a zona de comunicación peonil coa estación ferroviaria e as dársenas de regulación de autobuses.

 

O acceso peonil poderase realizar desde a avenida da Sardiñeira, desde a pasarela que procede da avenida do Ferrocarril ou desde a zona de conexión coa estación de ferrocarril e o aparcadoiro. En canto aos vehículos, os autobuses accederán por un ramal da glorieta que o Concello debe construír na avenida da Sardiñeira, e os turismos poderán acceder ao aparcadoiro desde esa glorieta ou ben desde a do Ferrocarril, a través do túnel que se executará baixo a estación de San Cristovo.

 

A terminal contará con 20 dársenas de operación e con outras 20 de regulación no aparcadoiro.

 

As obras desenvolveranse sobre unha parcela de 21.000 m² na que se construirá unha estación de 26.630 m², cun edificio de viaxeiros de 2.500 m² e un aparcadoiro de 325 prazas.