A Xunta activa a pleno rendemento os medios aéreos e o Plan operativo contra os lumes na provincia de Pontevedra ante a chegada da época de alto risco

O delegado territorial, Luis López, informou da posta en marcha das medidas anti-incendios nunha visita á base helitransportada do Campiño, que xa conta con medio cento de efectivos

Este recinto, dotado cun helicóptero de última xeración, complementará a actuación das brigadas e conforma a rede aérea de extinción na provincia xunto coas bases de Mondariz e Silleda

O representante autonómico destacou “o alto grao de especialización” deste servizo aéreo, que adoita actuar nunha media de 170 incendios anuais con dez descargas por lume
 

Pontevedra, 1 de xullo de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, activou hoxe a pleno rendemento o plan operativo contra os lumes forestais, incluíndo os medios aéreos, coa chegada este 1 de xullo da época de alto risco de incendios, que se prolongará alomenos durante tres meses.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo xefe territorial do Medio Rural, Antonio Crespo, e polo responsable provincial da loita contra o lume, Manuel Francisco, informou esta mañá da posta en marcha destas medidas na provincia de Pontevedra nunha visita á base helitransportada do Campiño, no Concello de Pontevedra.

“Dende a Xunta de Galicia poñemos todo da nosa parte para protexer aos galegos, aos seus bens e ao noso monte fronte os lumes forestais e, aos 1.200 efectivos e cen vehículos que despregaremos por toda a provincia este verán e ao operativo policial transversal, engadimos este servizo aéreo, que conta cun alto grao de especialización, como moitas das medidas que implementamos en Galicia para loitar contra os incendios”, destacou o representante autonómico.

A base aérea do Campiño é unha das tres que hai na provincia, xunto coas de Queimadelos, en Mondariz, e a de Silleda, e todas elas dan cobertura a todo o territorio complementando a actuación das brigadas forestais en terra cun sistema de descarga de auga que pode chegar a arroxar ata 1.300 litros por quenda nas zonas afectadas polas lapas.

O recinto do Campiño, que está a piques de cumprir 24 anos en funcionamento, conta cun helicóptero de última xeración con capacidade para doce operativos de extinción e con case medio cento de efectivos. Entre eles figuran tres axentes, unha unidade terrestre de bombeiros forestais, dúas motobombas con seis condutores, dúas brigadas de bombeiros forestais helitransportados conformadas por 25 profesionais e os tres tripulantes do helicóptero.

Este servizo adoita actuar cada ano nunha media de 170 incendios, principalmente na provincia pero exercendo en ocasións de apoio a outras zonas da comunidade, con 211 horas de extinción e unhas dez descargas por lume.

Ademais destes medios aéreos e do despregamento das policías Autonómica e Nacional, da Garda Civil e do Exército por toda a provincia, o operativo anti-incendios da Xunta de Galicia para este verán en Pontevedra complétase con 1.188 efectivos, 98 vehículos, dez puntos de vixilancia fixa, 1.180 puntos de recollida de auga, 26 cámaras de videocontrol nas 13 localizacións máis conflitivas e estratéxicas e case 5 millóns de euros xa investidos en accións de prevención tradicionais, como cortalumes, devasas, pistas forestais ou faixas secundarias, entre outras.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural