O titular do Goberno galego foi recibido pola Súa Maxestade o Rei Felipe VI no Palacio de La Zarzuela

Rueda presenta ao Rei as prioridades dun Goberno estable e constitucionalista centrado en axudar a familias e empresas, aproveitar os fondos europeos e atender os servizos públicos

Agradece a Súa Maxestade que a reunión fose tan proveitosa e o seu coñecemento e interese por todo canto implica a Galicia

Madrid, 1 de xullo de 2022 O titular da Administración autonómica, Alfonso Rueda, trasladoulle hoxe ao Rei Felipe as prioridades da Xunta ante este novo comezo de lexislatura, que son, dixo, as de todos os galegos e galegas. Nese sentido, aseguroulle que Galicia seguirá a contar cun goberno estable, responsable e constitucionalista.

 

Tamén que estará centrado en axudar a familias e empresas ante a incertidume económica e o encarecemento de prezos, en fortalecer os servizos públicos e en aproveitar ao máximo os fondos europeos para modernizar o noso tecido produtivo. “Temos magníficos proxectos que van cambiar o mercado de traballo e suporán un impacto moi importante neses territorios”.

 

Durante a audiencia, que se prolongou case hora e media, o presidente da Xunta agradeceulle ademais á Súa Maxestade que a reunión fose tan proveitosa e o seu coñecemento e interese por todo canto implica a Galicia, ao tempo que lembrou que O Rei non só é Xefe do Estado, senón tamén embaixador vitalicio do Camiño do Santiago. Por iso, invitouno a percorrer un pequeno tramo para renovar o seu compromiso.

 

Por último, á súa saída e ante os medios de comunicación, Rueda lamentou non se poder ter reunido antes co presidente do Goberno central, toda vez que moitas das metas non se poderán acadar sen a implicación activa do Estado. Non hai tempo que perder, dixo, salientando que urxe atallar problemas como a falta de médicos ou acadar unha xestión máis descentralizada e áxil dos fondos europeos.

Imaxes relacionadas