Román Rodríguez fai un chamamento para redescubrir un dos autores máis brillantes da nosa historia co novo Festival de Teatro Valle-Inclán

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades participa na presentación deste encontro que se celebrará por primeira vez este verán en Vilanova de Arousa

A Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, El Brujo, Títeres Cachirulo e Pabellón 6 representarán obras do autor en diferentes puntos da vila

Organizado pola Asociación de Amigos de Valle-Inclán, a cita terá lugar entre os días 11 e 15 de xullo co apoio da Xunta de Galicia

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 1 de xullo do 2022

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou hoxe na presentación do Festival de Teatro Valle-Inclán que este verán celebra a súa primeira edición en Vilanova de Arousa. Trátase dun encontro organizado pola Asociación de Amigos de Valle-Inclán que terá lugar entre os días 11 e 15 de xullo co apoio da Xunta de Galicia.

No transcurso da presentación, o responsable autonómico de Cultura fixo un chamamento para redescubrir con este festival un dos autores “máis brillantes, máis creativos e máis diversos da nosa historia”. “Valle-Inclán renovou o imaxinario literario da súa época cun torrente de creatividade sen precedentes que cultivou en todos os xéneros e o converteu nun referente do modernismo”, afirmou Román Rodríguez.

Neste senso, o conselleiro felicitou a Asociación de Amigos de Valle-Inclán por poñer en marcha unha iniciativa que permita seguir divulgando e ofrecendo novas olladas ás obras do autor e mostrouse convencido de que esta nova proposta colleitará moitos éxitos, xa que case un século despois do seu pasamento “o autor arousano segue a sorprender pola súa xenialidade e pola súa incalculable imaxinación”.

‘A cabeza do dragón’ abrirá a actividade

O encontro contará coa participación da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, El Brujo, Títeres Cachirulo e Pabellón 6 para representar obras do autor sobre o escenario. Así, a primeira das citas terá lugar o luns 11 na igrexa Vella da Pastoriza, onde Títeres Cachirulo ofrecerá o espectáculo A cabeza do dragón. A compañía repetirá a función o día seguinte no Pazo de Vista Real-Corón.

El Brujo, pola súa banda, estreará Luces de bohemia o martes no Teatro-Auditorio Valle-Inclán, onde volverán o mércores con El alma de Valle-Inclán. Xa o xoves 14 será a quenda da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia co espectáculo Divinas Palabras.

A compañía Pabellón 6 pechará o encontro o venres 15 coa representación Luces de Bohemia no Teatro-Auditorio Valle-Inclán. Todas as citas terán lugar ás 19,30 horas.