A Xunta adxudica por preto de 205.000 euros as obras de acondicionamento das beirarrúas na PO-504, no Concello de Sanxenxo

Mellorarase a accesibilidade peonil e a seguridade viaria ao longo desta estrada autonómica, entre os puntos quilométricos 0+680 e 4+450

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2022 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por preto de 205.000 euros a execución das obras de acondicionamento das beirarrúas na estrada autonómica PO-504, ao seu paso polo concello de Sanxenxo.

 

Os traballos, adxudicados á empresa Construcións Obras e Viais, S.A. (Covsa), teñen como obxectivo a mellora da accesibilidade peonil e a seguridade viaria ao longo desta vía autonómica, entre os puntos quilométricos 0+680 e 4+450.

A Xunta prevé iniciar as obras no mes de setembro, unha vez superado o momento da afluencia de visitantes máis alta. Os traballos contan cun prazo de execución de 6 meses.

As obras contratadas buscan dar continuidade, pola marxe esquerda da estrada, a un itinerario de ancho axeitado para facilitar o paso dos peóns, ao mesmo tempo que se ordena o aparcadoiro e se melloran os vaos.

 

De xeito máis detallado, levarase a cabo a ampliación da beirarrúa existente, onde esta non dispoña de anchura suficiente, e habilitaranse novos treitos de beirarrúa onde non existan.

 

Tamén se inclúe neste contrato a renovación de baldosas deterioradas na beirarrúa actual na marxe esquerda, a elevación da cota de beirarrúa, a reordenación do aparcadoiro na marxe esquerda ou a instalación de vallas de protección de contedores.

 

Ademais executaranse novos sumidoiros, procederase á reubicación de semáforos e iluminación, instalación de vallas de protección, repintado e creación dun novo paso de peóns no punto quilométrico 1+230.

 

Esta actuación complementa a mellora de seguridade viaria na estrada PO-504, entre Sanxenxo e Vilalonga, que suporán un investimento autonómico de 970.000 euros.

 

Neste caso, actuarase ao longo de 2 quilómetros desta vía autonómica co fin de eliminar un treito de concentración de accidentes ao seu paso polo municipio de Sanxenxo.

 

Así, ambas as intervencións, que se desenvolverán de xeito simultáneo, sumarán un investimento nesta estrada que superará o millón de euros.

 

O Goberno galego continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica para proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras.