A Xunta licita as obras de mellora do firme na estrada autonómica AC-434 en Laxe, que suporán un investimento de preto de 220.000 euros

As empresas interesadas en acometer a actuación, cun prazo de execución de 2 meses, terán ata o vindeiro 27 de xullo para presentar as súas ofertas

Realizaranse fresados e reposicións do firme con mestura bituminosa en quente, ademais da renovación da sinalización horizontal nun treito de preto de 2 km

Reporanse as marcas viarias do eixo afectadas polas actuacións, todos os cebreados e dotarase de resaltos para mellorar a seguridade viaria

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2022 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou hoxe as obras de mellora do firme na estrada autonómica AC-434, ao seu paso polo concello de Laxe, que suporán un investimento de 218.700 euros.

 

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe o inicio desta contratación, á que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 27 de xullo. Os traballos contan cun prazo de execución de 2 meses.

 

A actuación prevé a rehabilitación do firme no treito de preto de 2 km da AC-434 comprendido entre os puntos quilométricos 0 e 1+920, co fin de mellorar a seguridade e incrementar a comodidade dos usuarios desta vía autonómica.

 

Os traballos consistirán en realizar fresados localizados nos treitos de actuación e na reposición con mestura bituminosa en quente, ademais da renovación da sinalización horizontal.

 

Tamén se reporán as marcas viarias do eixo afectadas polas actuacións e todos os cebreados e sinalización. Ademais pintarase o bordo e dotarase de resaltos para mellorar a seguridade viaria.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras.