O conselleiro do Medio Rural presidiu hoxe a reunión da Mesa da Castaña que se celebrou no marco da feira Galiforest

A Xunta impulsa a área dos soutos coa reactivación da mesa da castaña e novas axudas para incrementar a competitividade do sector

José González enmarcou estas achegas -que apoiarán as plantacións de castiñeiro para froito, a recuperación de soutos tradicionais e de masas de frondosas e a xestión sostible para usos silvopastorais en frondosas- no Programa estratéxico do castiñeiro

Boqueixón (A Coruña), 1 de xullo de 2022 A Xunta vén de impulsar a Área dos soutos posta en marcha para centrarse na xestión deste recurso tan importante para Galicia mediante a reactivación da Mesa da Castaña, que celebrou hoxe unha nova reunión no marco da feira Galiforest, que se desenvolve deica mañá no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Sergude. Así o destacou o conselleiro do Medio Rural, José González, quen presidiu esta xuntanza na que se abordou o Programa estratéxico do castiñeiro e da produción de castaña, así como novas axudas para incrementar a competitividade do sector.

 

No encontro -ao que tamén asistiron os directores xerais de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, así como o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos-, o conselleiro apuntou que coa actualización da Mesa da Castaña búscase fomentar o produto amparado pola indicación xeográfica protexida (IXP) Castaña de Galicia e as variedades autóctonas. Nesa liña, cabe destacar que o Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán vén desenvolvendo un importante traballo investigador para garantir a calidade da nosa castaña de cara a consolidala como oportunidade do sector agroalimentario.

 

Nese senso, o titular de Medio Rural aproveitou para lembrar que esta semana foi o encargado de entregar -nos Premios Galicia Alimentación do Clúster Alimentario de Galicia- un dos galardóns ao proxecto empresarial, que recibiu Alibós Galicia S.L., na súa condición de principal empresa de transformación de castaña en España. Unha mostra -dixo- de que somos referentes neste eido estratéxico.

 

Canto ás novas axudas analizadas no seo da Mesa, José González apuntou que incidirán no aumento de plantacións de castiñeiro para froito, na recuperación de soutos tradicionais, na mellora de masas consolidadas de frondosas autóctonas e na xestión forestal sostible para usos silvopastorais en frondosas autóctonas. Nesa dirección, hoxe presentáronse os seus detalles principais ao sector para que poidan facer as achegas pertinentes co gallo de que sirvan de auténtico pulo.

 

Sobre o Programa estratéxico do castiñeiro e da produción de castaña que tamén se debullou hoxe ante os axentes do sector, o titular de Medio Rural lembrou que está enmarcado no Plan Forestal 2021-2040 e nas recomendacións da Comisión de Política Forestal do Parlamento galego, cun investimento previsto de case 22 millóns de euros ata o ano 2025.

 

Cun total de 36 actuacións integradas en cinco eixes de intervención coas que se busca implicar a todos os elos da cadea de valor, José González recordou que o plan persegue recuperar unhas 8.000 hectáreas de soutos e plantar outras 16.000 hectáreas máis -para a produción de madeira e de froito- no horizonte do 2040, con vistas a acadar a máxima xeración de valor engadido vinculado ao cultivo do castiñeiro.

 

Cómpre sinalar que a superficie actual de castiñeiro en Galicia supera as 49.000 hectáreas, cunha produción media nos últimos anos próxima aos 20 millóns de quilogramos e un valor duns 20 millóns de euros pagados aos produtores e de 50 millóns en produtos transformados.

 
Galiforest

A reunión da Mesa da Castaña celebrouse no marco de Galiforest, feira que se desenvolve ata mañá no CFEA de Sergude tras o seu aprazamento en 2020 por mor da covid-19. Nesta sexta edición do Monográfico Forestal Internacional para o Sur de Europa, a cita volve poñer en valor toda a cadea monte-industria e os seus profesionais, consolidándose como referente a nivel peninsular.

 

A Consellería do Medio Rural está presente, a través da Axencia Galega de Industria Forestal (XERA), cun posto baixo o lema “O futuro é de madeira” compartido con distintos axentes do sector (Asociación Provincial de Empresarios da 1ª Transformación da Madeira de Lugo - Lugomadera, Federación empresarial de serradoiros e rematantes de madeira de Galicia - Fearmaga, Clúster da biomasa, Clúster da madeira e o deseño, PEFC Galicia, FSC, Bioeco2, Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia - Coetfg, Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra e Escola Politécnica Superior de Lugo).  

 

Mentres, persoal da Axencia Galega da Calidade Alimentaria participa no programa de actividades, levando a cabo demostracións de diversos traballos en monte (poda en altura, manexo de motoserra, preparación de estacas de castiñeiro para a construción de peches tradicionais, novos métodos de extracción de resina, etc.), que se sumarán aos de maquinaria forestal de diversas firmas.

 

A maiores, organízanse diversas xornadas técnicas, como a desta mañá sobre os retos e oportunidades que presenta no mercado a marca de garantía "Pino de Galicia" ou a desta tarde sobre transición dixital, que estará moderada polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e na que participará tamén Odón López, xefe do servizo de Xestión Forestal desa Dirección Xeral.

Imaxes relacionadas