O Diario Oficial de Galicia publica a aprobación do novo plan de seca da demarcación Galicia-Costa que reforza a resposta coordinada ante eventos de escaseza para garantir a subministración da auga á poboación

Trátase de asegurar a dispoñibilidade de auga aos cidadáns e evitar o impacto negativo da seca no estado das masas de auga e nas actividades económicas

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2022 O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a aprobación do novo Plan de seca da demarcación hidrográfica Galicia-Costa, que vén reforzar a anticipación e a resposta coordinada ante estes eventos de escaseza dos recursos hídricos co obxectivo de garantir o abastecemento de auga á poboación.

 

Trátase do Plan de seca 2021-2027, un instrumento de planificación que actualiza o existente desde o ano 2013, que permitiu xestionar algúns dos episodios de seca e escaseza máis importantes acontecidos nos últimos anos na Demarcación Galicia-Costa, a conca de competencia autonómica.

 

Augas de Galicia, a entidade hidráulica da Xunta dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, dá así publicidade do acordo do Consello da Xunta de Galicia do 2 de xuño de 2022 polo que se aproba este instrumento de anticipación e planificación actualizado, que supón unha maior adaptación ao escenario do cambio climático. No seguinte enlace ao Diario Oficial de Galicia pode consultarse a información: https://bit.ly/3yyXpon .

 

O novo Plan, que permite ordenar a resposta ante estes eventos proporcionándolles ás distintas administracións instrumentos xurídicos para facerlles fronte, supón unha profunda actualización para mellorar a súa eficacia e afrontar os retos futuros, como as consecuencias derivadas do cambio climático e a modificación dos réximes cambiantes de precipitación.

 

A Demarcación Galicia-Costa rexistra unha precipitación media anual de 1.500 mm, un valor moi elevado en relación co resto da Península. Porén, vén sufrindo episodios de escaseza de auga, froito da desigualdade da distribución temporal dos recursos hídricos e do contexto do cambio climático.

 

O novo Plan de seca ten como obxectivos principais asegurar a dispoñibilidade de auga aos cidadáns e minorar os efectos destes episodios sobre o estado das masas de auga, así como sobre as actividades económicas.

 
Xestión diferenciada

O Plan propón unha xestión diferenciada das situacións de seca prolongada e de escaseza conxuntural. Así, a seca prolongada está relacionada exclusivamente coa diminución das precipitacións e das achegas en réxime natural, mentres que a escaseza conxuntural está relacionada coa problemática para atender a demanda de auga.

 

Para mellorar a xestión destas situacións, empréganse indicadores de estado, que permiten identificar os diferentes escenarios e a tomar as decisións necesarias en cada momento.

 

Así, para o diagnóstico do escenario de seca prolongada tomarase como referencia o índice de precipitación estandarizada e realizarase un seguimento por parte de Augas de Galicia antes do día 15 do mes seguinte ao que correspondan os datos. O escenario de seca prolongada establecerase automaticamente cando o indicador mostre esta situación.

 

En canto ao escenario de escaseza, o diagnóstico realizarase en función dos caudais rexistrados nas estacións de aforo e nas entradas aos encoros. O seguimento realizarase por parte de Augas de Galicia tamén antes do día 15 de mes seguinte ao que correspondan os datos.

 

Os diferentes escenarios ante a escaseza

En relación coa escaseza conxuntural, o Plan establece distintos escenarios posibles: normalidade, prealerta, alerta e emerxencia.

 

En situación de normalidade non corresponde á adopción de medidas conxunturais, pero si de seguimento, instalación de novos puntos de control ou elaboracións de partes hidrolóxicos, entre outras.

 

O estado de prealerta identifica o inicio na diminución dos recursos dispoñibles que pode supoñer un risco para a atención das demandas. Neste contexto poderanse aplicar medidas de aforro e control da demanda, tales como a intensificación do seguimento e a activación de campañas de concienciación. Ademais actívase o control das demandas reais dos grandes consumidores e medidas de xestión da oferta, como a reutilización de augas residuais para usos urbanos ou a aplicación dun réxime de caudais ecolóxicos menos esixentes. Tamén se proxecta a preservación dos ecosistemas, intensificando o control de vertidos e do estado das masas de auga.

 

O estado de alerta identifícase cunha intensificación na diminución dos recursos dispoñibles que evidencia un claro risco de imposibilidade de atender as demandas. Neste escenario, reduciranse as dotacións para o abastecemento en alta, podéndose suspender cautelarmente as concesións de novos usos privativos, limitar determinados usos recreativos e reducir as presións nocturnas, entre outros. En relación coa oferta, proponse impoñer a substitución de parte de caudais concesionais por outros de distinta orixe ou utilizar medios excepcionais como cisternas. En relación á preservación dos ecosistemas, engádese a valoración de posibilidade de evacuación de ictiofauna ante risco de mortalidade.

 

O estado de emerxencia correspóndese co máximo grao de afección por diminución dos recursos dispoñibles. As medidas neste caso poden incorporar a modificación e mesmo a suspensión temporal de autorizacións de vertedura, a prohibición de usos, a redución de volume para abastecemento urbano e industrial do 25%, cortes temporais, adaptación da saída dos encoros ou o aumento da vixilancia sobre o estado das masas.

 

Por último, e como novidade con respecto ao anterior Plan, o documento aprobado hoxe prevé a ‘situación excepcional por seca extraordinaria’, que poderá ocorrer cando nunha ou varias unidades territoriais se rexistren escaseza en escenarios de alerta que coincidan temporalmente co de seca prolongada ou escaseza en escenarios de emerxencia.

 
Participación e coordinación

Este plan é froito dun proceso de consulta pública durante 3 meses, no que Augas de Galicia recibiu as achegas correspondentes. Así, o 60% das observacións foron total ou parcialmente incorporadas na elaboración do documento definitivo.

 

Cómpre lembrar que aínda que a elaboración e seguimento do Protocolo é responsabilidade de Augas de Galicia, a súa posta en práctica require a intervención e coordinación de Meteogalicia, Protección Civil, os responsables da explotación dos encoros de Galicia-Costa e das administracións responsables dos sistemas de abastecemento.

 

Neste sentido, é moi importante que o proceso de planificación fronte ás secas se complemente e se coordine cos plans de carácter municipal, que son a principal administración que xestiona os sistemas de abastecemento. Grazas ás axudas da Xunta dos últimos 3 anos, hai máis de 100 concellos que dispoñen xa dun destes plans. Cómpre que os demais municipios tamén se preparen ante estes eventos, sobre todo os de máis de 20.000 habitantes, nos que é obrigatorio ter un plan de emerxencia fronte á seca.

 

Estes plans municipais establecen os indicadores axeitados para cada concello, identificando cando se está nunha situación de risco e hai que activar as medidas previstas. Nestes documentos tamén hai que recoller as accións concretas que adoptar en cada situación e en cada concello, adecuadas ás particularidades dos sistemas de abastecemento, como captacións ou fontes alternativas de abastecemento, redución de baldeos de rúas ou de rego de xardíns.

 

O plan súmase a outros instrumentos fundamentais da planificación hidrolóxica para os vindeiros 6 anos na demarcación Galicia-Costa, como o caso do Plan Hidrolóxico ata 2027 ou o Plan de Xestión do Risco de Inundación, que se aprobaron tamén xa no Consello da Xunta.

 

O Goberno galego vén facendo un singular esforzo normativo nos últimos anos para mellorar o uso, a xestión e a calidade da auga, incluíndo a aprobación dunha norma pioneira, a Lei de medidas de garantía do abastecemento en episodios de seca en situacións de risco sanitario. Esta mesma semana foi aprobada no Parlamento galego a Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga.