A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, coa consejera de Mobilidade e Transformación Dixital de Castela e León, o delegado da Xunta en Lugo, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, participou na reunión convocada esta tarde polo Ministerio de Transportes

A Xunta considera insuficiente e ineficaz a alternativa do Goberno de España ao peche da A-6 porque non resolve a circulación de entrada a Galicia nin o tránsito dos transportes especiais

Vázquez Mourelle traslada a decepción do Goberno galego ante a falta de solucións aos principais problemas para o tránsito e pola escasa información e concreción ofrecida polo Ministerio sobre o acontecido e sobre a solución definitiva 
 
Agarda que no prazo de 15 días acordado o Ministerio de Transportes avalíe as propostas da Xunta para dar unha alternativa inmediata e completa de mobilidade

Lamenta que tras 23 días non se coñecen as causas do colapso do viaduto do Castro nin as solucións previstas

Considera inexplicable que o Ministerio non avaliara ben todas estas opcións que son tecnicamente viables e ofreza unha alternativa que non resolve o tráfico cara á Coruña, que vai ter que seguir pasando por Pedrafita, nin a circulación dos transportes especiais
 
Reitera que, de modo paralelo á alternativa inmediata, o Ministerio debe avanzar nunha resposta definitiva para o viaduto do Castro e restablecer o tráfico na autovía
Pedrafita do Cebreiro (Lugo), 30 de xuño de 2022

A Xunta considera insuficiente e ineficaz a proposta alternativa ao peche da A-6 formulada polo Goberno de España porque non resolve a circulación de entrada a Galicia nin permite o tránsito dos transportes especiais.

 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto coa consejera de Mobilidade e Transformación Dixital de Castela e León, María González; o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez; participou na reunión convocada polo Ministerio de Transportes en relación ao colapso do viaduto da A-6.

 

Ethel Vázquez trasladou a “decepción” do Goberno galego polo resultado da reunión, ao non quedar resoltos os principais problemas do tráfico no núcleo de Pedrafita e do tránsito dos transportes especiais, así como pola escasa información e concreción ofrecida polo Ministerio sobre as causas do acontecido e sobre a solución definitiva que se adoptará no viaduto.

 

Na xuntanza, insititiu en demandar información concreta sobre as posibles causas do colapso do viaduto, pois pasaron 23 días e nin a Xunta, nin a Junta de Castela e León, nin os sectores económicos afectados, nin os cidadáns coñecen de primeira man o que pasou.

 

Indicou que acabada a reunión co Ministerio, aínda quedan moitas preguntas que non foron aclaradas e moitas incertezas, porque no encontro non se deron explicacións nin respostas que eviten especulacións e a preocupación de cidadáns e empresas.

 

Considerou que, 23 días despois do colapso do primeiro vano do viaduto, as liñas de investigación deberían estar máis acoutadas e amosouse preocupada por que a falta de información por parte do Ministerio á cidadanía poida desembocar nunha falta de confianza aos usuarios das infraestruturas.

 

O segundo asunto prioritario que trasladou a Xunta na reunión, foi pedirlle ao Ministerio medidas inmediatas para mitigar o impacto do peche da autovía, tanto para os usuarios como para o transporte, xa que non teñen unha alternativa viable para circular.

 

A conselleira apuntou que a opción para acceder a Galicia a través da A-52, á que se ven obrigados os transportes especiais, como o de pas e compoñentes eólicos cara ao Porto de Ferrol, triplica o custo da viaxe e multiplica o tempo, polo que non é viable.

 

Para evitar a demora na busca de solucións urxentes, a Xunta, da man da Junta de Castela e León, achegou 3 propostas viables para salvar a imposibilidade de paso dos transportes especiais e a acumulación do tráfico, moito del pesado, no núcleo de Pedrafita.

 

Non obstante, Ethel Vázquez sinalou que o Ministerio non considerou estas opcións e ofreceu unha alternativa parcial, que só resolve en parte o tráfico en dirección Madrid, pero non cara á Coruña, que vai ter que seguir pasando por Pedrafita. Ademais, non vai permitir a circulación dos transportes especiais, o cal é unha enorme limitación.

 

Por ese motivo, a Xunta demandou un maior esforzo e a conselleira manifestou que agarda que no prazo de 15 días acordado, o Ministerio avalíe as propostas da Xunta e poña en marcha unha alternativa completa de mobilidade.

 

A proposta do Goberno de España non resolve o tránsito de entrada a Galicia, que vai ter que seguir pasando polo núcleo de Pedrafita, e non vai permitir a circulación dos transportes especiais, o que supón unha enorme limitación, a Xunta considera insuficiente a solución proposta hoxe polo Ministerio. Ethel Vázquez destacou que estas dúas cuestións si estaban perfectamente resoltas nas tres alternativas presentadas pola Xunta, que acreditou durante a reunión que son tecnicamente viables e executables.

 

De modo paralelo ao desenvolvemento dunha alternativa inmediata, o Goberno galego pediu avances na solución definitiva ao peche da A-6, con concreción na planificación que manexa o Ministerio, para a alternativa para o viaduto do Castro e para restablecer o tráfico na autovía.

 

Imaxes relacionadas