A Xunta incide na contribución do proxecto ‘Blood’ e o seu aplicativo informático na xestión segura dos compoñentes sanguíneos

A través de diversos mecanismos, garántese a trazabilidade do proceso de “vea a vea”

No marco do proxecto inclúese o deseño dos fluxos de traballo, a través de grupos multidisciplinares altamente especializados e que apostan por un modelo único e integrado na xestión da información

O Sistema Lembra permite que os usuarios reciban unha mensaxe de agradecemento no momento en que se utiliza a súa doazón
Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2022

O proxecto Blood supón o deseño, desenvolvemento e implantación “dun sistema de xestión da información, que pivotando no aplicativo informático e-Delphyn, garante a xestión segura e de calidade dos compoñentes sanguíneos, das doazóns que permiten a súa obtención, e dos procesos de transfusión”. Do mesmo xeito, garante a trazabilidade completa do proceso de “vea a vea”, de doador a doente.

Así o explicou a directora da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, Marisa López; na súa comparecencia na Comisión 5ª, Sanidade, Política Social e Emprego, do Parlamento de Galicia.

Na súa intervención, sinalou o seu desenvolvemento por parte da Axencia, así como da súa adecuación dentro da estratexia de mellora, para dar cumprimento dos seus obxectivos. No marco do proxecto ‘Blood’ inclúese o deseño dos fluxos de traballo, a través de grupos multidisciplinares altamente especializados e que apostan por un modelo único e integrado na xestión da información.

Segundo explicou a directora de ADOS, as melloras engaden “importantes avances na xestión da actividade dos servizos de hematoloxía, servizos de transfusión hospitalarios e da área clínica”. Así, engadiu que se trata dun “proxecto global con diferentes subproxectos”.

No 2016, abordouse a unificación de catálogos para todos os centros, o que suporía a homoxeneización para a totalidade dos hospitais de Galicia, e para a Axencia, da nomenclatura de probas e dispositivos, entre outras cousas .

Neste senso, a implantación do estándar de codificación internacional ISBT-128, que contribúe a identificar cada compoñente, permite a transferencia de información de produtos médicos garantindo a trazabilidade permanente dos mesmos.

Xa no 2017, ADOS abordou a ampliación da rede de centros hospitalarios interconectados na xestión de hemoderivados en Galicia. Isto implicou a incorporación de dous novos espazos: o Centro Oncolóxico de Galicia na Coruña, e o Centro Hospitalario POVISA.

Outra das melloras referidas no Parlamento foi a implantación da petición electrónica de sangue e compoñentes sanguíneos interconectados coa historia clínica electrónica IANUS. A promoción da xestión telemática, serviu para axilizar os trámites e aumentar a seguridade.

A directora de ADOS tamén abordou este xoves o desenvolvemento da Plataforma de Terapia Celular, que supón “unha mellora na xestión do transplante de proxenitores hematopoéticos”, e que permite recoller a totalidade do proceso desde a aférese, e criopreservación dos proxenitores ata a infusión no paciente de forma controlada.

O desenvolvemento deste sistema de xestión da información, ten permitido aos servizos de hematoloxía dos centros hospitalarios, que están a desenvolver na actualidade transplantes de medula ósea de doadores non emparentados, abordar con éxito esixentes certificacións de calidade, como a JACIE-ONT-CAT. Estas certificacións resultan imprescindibles para obter autorización de cara a dispensar terapias avanzadas CAR-T, para tumores hematolóxicos.

No referente a outras melloras que atinxen a procesos propios innovadores, salientouse a posibilidade de envorcar as analíticas dos doadores IANUS, á historia clínica electrónica, e a comunicación dos resultados analíticos e a súa consulta, na plataforma dixital de servizos, É-Saúde; a habilitación dun procedemento de mensaxería a través do Sistema Lembra, que avisa aos usuarios cando se utiliza a súa doazón; ou os avances na integración dos hospitais da Rede de Hemodoazón e Hemoterapia de Galicia na xestión dos remanentes de ADOS.

A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, creada polo decreto 142/15, ten como fins xerais e principios básicos, actuar como instrumento de xestión eficiente para asegurar a doazón voluntaria de sangue, órganos e tecidos, velando pola aplicación da normativa e políticas públicas de hemoterapia e transplante de órganos e tecidos da Unión Europea e do Goberno de España. Entre os seus obxectivos estratéxicos está o garante do abastecemento de sangue e dos seus derivados aos provedores de servizos sanitarios de Galicia, segundo os estándares de calidade vixentes no mercado e na lexislación de aplicación; a coordinación da doazón, dos transplantes de órganos e do procesamento, almacenamento, distribución e implante de células e tecidos; e asegurar a dispoñibilidade de mostras de máxima calidade de células e tecidos, ben sexa para o seu uso clínico ou para investigación.

Imaxes relacionadas