A Xunta sitúa Galicia como Polo Europeo de creación audiovisual a través do proxecto ‘European Writers Club’

O director da Axencia galega de Industrias Culturais interveu hoxe na presentación da iniciativa no mercado profesional Série Series, que se celebra na localidade francesa de Fontainebleau

O programa, financiado pola Unión Europea con 1M€, conta tamén coa participación doutras entidades e institucións de Dinamarca, Estonia, Irlanda, Noruega, Suecia, Finlandia, Islandia e España

O obxectivo é acadar un espazo común de xeración de contidos para televisión mediante a relación e implicación directa de guionistas, executivos de televisión e empresas produtoras e distribuidoras

Fontainebleau (Francia), 30 de xuño de 2022.-

A Xunta de Galicia e o clúster audiovisual danés Vision Denmark son os dous socios principais de European Writers Club, programa deseñado para inspirar e fomentar a colaboración internacional entre guionistas, produtores e responsables de contido de canles e plataformas televisivas, o que suporá situar a nosa Comunidade autónoma como polo destacado da creación audiovisual europea. Así o anunciou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, quen participou hoxe na presentación do proxecto levada a cabo en Série Series, o mercado profesional para produtos de televisión que se está a desenvolver na cidade francesa de Fontainebleau.

 

Baixo o lema Creando historias xuntos, European Writers Club conta cun financiamento dun millón de euros da Unión Europea para o desenvolvemento e execución do proxecto piloto, no que a Xunta participa como socio principal xunto coa entidade Vision Denmark. Nesta fase inicial, incorpóranse tamén institucións públicas de ámbito nacional como os institutos de cine de Dinamarca, Estonia e Irlanda, a entidade pública Nordisk Film&TV Fond e as asociacións nacionais de guionistas de Suecia, Noruega, Finlandia, Islandia e España, sendo neste caso a SGAE a sociedade que representa os autores locais.

 

Cóntase, ademais, coa colaboración de obradoiros internacionais de referencia na creación audiovisual como Le Groupe Ouest (Francia) e Torino Film Lab (Italia). O proxecto facilitará un espazo común no ámbito europeo para que os produtos resultantes poidan competir con maior facilidade nas plataformas VOD e na conquista de audiencias globais. O obxectivo principal é acelerar o proceso que vai da idea ao mercado, potenciando os temas e contidos locais con capacidade de recepción universal.

 

Para isto, European Writers Club proporcionaralle soporte e medios a unha rede internacional de creadores que xeren ideas e conceptos. Metodoloxicamente, desenvolverase en tres sesións de impulso que se levarán a cabo en Copenhague, Tallin e Dublín, nas que participarán os guionistas seleccionados en cada caso xunto cos executivos de canles de radiodifusión e distribuidores.

 
Impulso de conceptos desde Galicia
O programa chegará de xeito presencial a Galicia do 30 de maio ao 5 de xuño de 2023, onde se levará a cabo unha das sesións finais de impulso de conceptos coa participación dunhas 80 persoas entre guionistas, asesores expertos, executivos de televisión, distribuidores de series e representantes de produtoras. Estará titorizada polo Torino Film Lab e analizará as necesidades concretas dos creadores de contido mediante unha filosofía baseada no traballo práctico de xeito colaborativo como ferramenta eficaz para fortalecer a calidade dos conceptos e potenciar o proceso creativo.
 
Os guionistas elixidos para esta etapa accederán a un espazo de diálogo con creadores de alto nivel doutros países, para afinar e ampliar o potencial das súas propostas e abrilas a unha maior audiencia europea. De xeito paralelo, organizaranse sesións de “portas abertas para compartir as experiencias de European Writers Club con todos os profesionais galegos interesados.
 
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades aproveitou a súa intervención en Série Series para defender a posición de talento e de expansión do audiovisual galego, un sector que coas cifras previas á pandemia conformaban 133 empresas cuns 2000 traballadores e preto de 130 M€ en ingresos. Referiuse ao elevado nivel técnico e profesional da nosa industria, así como á súa eficiencia e capacidade para manter moitos dos seus produtos tanto en canles públicas e privadas de televisión como en plataformas baixo demanda. Neste sentido, citou moitos dos títulos emitidos xa con éxito ou recentemente rodados, tales como Fariña, Néboa, O sabor das margaridas, 3Caminos, Hierro, La Unidad, Auga seca, El desorden que dejas, Método criminal, Rapa, Operación Marea Negra ou Motel Walkirias, entre outros.
 
Estratexia de internacionalización
Explicou así mesmo que, para o Goberno galego, coliderar o European Writers Club marca un paso importante na estratexia de internacionalización do audiovisual galego, e segue a senda marcada por eventos como CONECTA Fiction, cuxas dúas primeiras edicións se celebraron en Santiago de Compostela en 2017 e 2018 co apoio da Xunta, a sinerxía constante como membro da fundación europea MEDIA ou o impulso, mediante a concesión das súas subvencións anuais, a series galegas coproducidas entre varios países.
 
Tamén fixo referencia ás posibilidades de expansión e de retorno económico que se abren a través do Hub Audiovisual da Xunta, dotado con 9,6M€ dos fondos europeos para o trienio 2021-2023, e lembrou que, no marco deste programa, está aberta na actualidade a segunda convocatoria para a captación de rodaxes no noso territorio.