Fernández-Tapias e a Federación Galega de Comercio presentan en Vigo a 9ª edición da campaña Días Azuis

A delegada territorial destacou o dobre obxectivo desta iniciativa: a dinamización das ventas nos establecementos de proximidade e de fidelización dos clientes

As persoas que merquen no comercio galego poderán participar ata o vindeiro 17 de xullo no sorteo de 64 tarxetas prepago de 150 e 250 euros para as súas compras
 

Vigo, 30 de xuño de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, e o presidente da Federación de Comercio de Pontevedra, Iván Iglesias, presentaron hoxe no mercado do Calvario a 9ª edición da campaña Días Azuis, que se organiza en colaboración con Abanca, e que se celebrará ata o vindeiro 17 de xullo.

Neste marco, a representante autonómica destacou a dobre vertente desta iniciativa no que atinxe á dinamización das vendas nos establecementos de proximidade e de fidelización dos clientes, ao tempo no que incidiu no compromiso do Goberno galego co asociacionismo comercial, ao que considerou clave tanto no eido económico como social.

Segundo dixo, no actual contexto económico calquera esforzo é necesario para incentivar o consumo. “A Xunta seguirá a traballar reforzando os apoios para que tanto comerciantes como autónomos podan facer fronte a actual situación”, anotou.

Tras recoñecer o seu convencemento de que este ano a Campaña Días Azuis do Comercio Galego superará a barreira das 120.000 participacións, Fernández-Tapias remarcou o obxectivo compartido coas distintas asociacións comerciais con programas e liñas de axudas enfocadas a incentivar o consumo ou a apoiar a modernización do sector e o seu salto dixital.

Días Azuis

En canto á nova edición da campaña Días Azuis do comercio galego, explicou que durante estas semanas o obxectivo é visibilizar os establecementos que están a pé de rúa e dinamizar o comercio de proximidade. Neste sentido, animou aos vigueses e viguesas a comprar e apoiar a actividade deste tipo de locais ao longo de todo o ano.

Deste modo, os clientes dos comercios que realicen as súas compras ata o vindeiro 17 de xullo deberán rexistrar o seu tícket en www.diasazuis.com ou ben solicitar que o faga o propio comerciante. As opcións duplícanse utilizando ambas as dúas modalidades.

Entre todos os participantes sortearanse un total de 12.000 euros en 64 tarxetas prepago: 24 de 250 euros e 40 de 150 euros, que deberán ser utilizadas polos gañadores nos establecementos tradicionais galegos antes do 30 de xuño do próximo ano. O sorteo, ante notario, realizarase o vindeiro 21 de xullo.

Imaxes relacionadas