Galicia asume a coordinación autonómica ante o Consello da UE en materia de saúde para solicitar unha Europa da saúde máis forte e coordinada

Galicia coordinará a partir do 1 de xullo, e durante un semestre, os intereses das comunidades autónomas españolas ante o Consello da UE en materia de saúde.

As prioridades do semestre serán a revisión da estratexia sanitaria global da UE, a creación dun espazo europeo de datos sanitarios e a construción dunha Europa que protexa a saúde.

Así mesmo, Galicia entrega a testemuña da coordinación de emprego e asuntos sociais que asumiu o pasado 1 de febreiro, e que agora remata, centrada en garantir o acceso ao mercado laboral das persoas maiores e promover a contratación de persoas con discapacidade

Bruxelas, 30 de xuño de 2022

A Xunta asumirá mañá, 1 de xullo de 2022, a tarefa de coordinación autonómica en materia de sanidade no Consello EPSCO (Emprego, Política Social, Sanidade e Consumidores) da Unión Europea. Galicia representará ás comunidades autónomas no ámbito da saúde durante o segundo semestre de 2022, coincidindo coa Presidencia rotatoria da República Checa. Este pasado luns 27 de xuño celebrouse a reunión de transferencia de competencias sanitarias na que Galicia tomou o relevo de Castela-A Mancha.

Así mesmo, Galicia cede o testemuña no exercicio de coordinación autonómica en materia de emprego e asuntos sociais, mandato que asumiu durante a Presidencia rotatoria de Francia desde o día 1 de xaneiro. Galicia traspasa agora a Canarias esta representación das autonomías en materia de emprego e asuntos sociais, que deberá asumir ao longo do segundo semestre de 2022.

Prioridades do novo semestre en materia de saúde

A primeira das prioridades deste novo semestre céntrase na revisión da estratexia da UE en materia de Saúde Global. O 19 de maio de 2022, a Comisión Europea anunciou o lanzamento dun proceso para desenvolver unha nova estratexia sanitaria global da UE en materia de saúde centrada na promoción do concepto Unha soa saúde. O obxectivo é garantir a protección dos cidadáns europeos e a capacidade da UE para responder aos retos neste ámbito. A última estratexia remóntase a 2010 pero tendo en conta os profundos cambios que se produciron desde entón coa adopción da Axenda 2030 e dos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS), o acordo climático de París, a pandemia da Covid-19, a guerra de Ucraína, así como a aparición de novas zoonoses, cómpre estruturar unha resposta multilateral ás crises, como xa se está a debater no seo da OMS. Nesta liña, correspóndelle á UE consolidar unha visión europea dos problemas globais de saúde e transmitir os seus valores e obxectivos.

Outro dos temas que centrará o cuadrimestre nos temas de saúde será a creación dun espazo europeo de datos de saúde. O Consello seguirá traballando na proposta da Comisión sobre a creación deste espazo europeo de datos sanitarios. A proposta de Regulamento sobre o Espazo Europeo de Datos Sanitarios (EEDS) é un piar esencial da Unión Europea da Saúde, cuxo obxectivo é regular o uso primario e secundario dos datos.

No que respecta ao último dos grandes piares do semestre, o Consello seguirá apoiando a aplicación do paquete de medidas sobre a Unión Europea da Saúde. Entre elas, inclúense as negociacións entre o Consello e o Parlamento Europeo, que comezaron en novembro 2021, con vistas a chegar a un acordo sobre un proxecto de Regulamento sobre ameazas transfronteirizas graves para a saúde, para reforzar a coordinación na preparación para as crises e o papel das axencias da UE.

Cesión da coordinación autonómica en materia de emprego

A partir de mañá, Galicia entrega o relevo a Canarias na coordinación autonómica de emprego e asuntos sociais, que asumiu o 1 de xaneiro de 2022. Durante estes meses, a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, compareceu no Consello EPSCO da UE en dúas ocasións, os días 14 de marzo e 16 de xuño, centrada en garantir o acceso ao mercado laboral das persoas maiores e promover a contratación de persoas con discapacidade.

Galicia defendeu no Consello EPSCO da UE de marzo a posición común das comunidades autónomas para que as políticas de emprego atendan á demografía dunha UE cada vez máis envellecida e con menos persoas en idade de traballar. Neste sentido, pediu á UE que traballe na priorización da aprendizaxe e formación dos traballadores maiores de 50 anos, para garantir a súa integración no mercado laboral en igualdade de condicións e lograr así o avance no seu benestar, inclusión social e prosperidade económica.

No último Consello celebrado en xuño, Galicia reclamou da UE políticas específicas que garantan a formación e contratación de persoas con discapacidade e que integren a perspectiva de xénero. Así, a conselleira, en nome de todas as comunidades autónomas, solicitou un impulso para a creación e consolidación de centros especiais de emprego de iniciativa social, xa que o emprego constitúe un dos medios máis importantes para garantir a autonomía e a plena participación deste colectivo na sociedade. Galicia solicitou ao Consello que a UE desenvolva políticas máis específicas e vinculantes que garantan a non discriminación e apoien a formación e a adquisición de competencias profesionais das persoas con discapacidade. Tamén solicitou á UE máis recursos económicos e o desenvolvemento de programas públicos que inclúan incentivos para a contratación deste colectivo.