A Xunta destina 200.000€ para a adquisición de inmobles na área Rexurbe de Tui e anima os propietarios a presentar ofertas ata o 15 de xullo

O delegado territorial, Luis López, acompañado polo alcalde tudense, Enrique Cabaleiro, lembrou na Praza do Concello este programa baixo o lema 'Gañas ti, Gaña Tui', da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

O Goberno galego xa adquiriu catro inmobles para a súa rehabilitación como vivendas no casco vello de Tui coa convocatoria do pasado ano e pretende continuar con esta iniciativa orientada á reactivación do mercado residencial e á recuperación dos núcleos históricos
 

Tui, 30 de xuño de 2022.- A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, destina este ano unha partida de 200.000 euros para a adquisición de inmobles na denominada área Rexurbe da vila de Tui, delimitada principalmente polo casco vello e a contorna da catedral.

O Goberno galego anima aos propietarios de inmobles deshabitados nesta zona a presentar as súas ofertas, para o cal está aberto o prazo ata o vindeiro 15 de xullo.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo alcalde tudense, Enrique Cabaleiro, lembrou este mediodía na Praza do Concello a convocatoria do programa Rexurbe correspondente co ano 2022 baixo o lema Gañas ti, Gaña Tui.

“A política do Goberno galego en materia de vivenda é transversal e moi completa, con máis de 150 millóns de euros nunha trintena de liñas, pero dándolle unha especial importancia á rehabilitación, ao mercado de vivendas baleiras e aos cascos históricos das vilas, que pretendemos recuperar e rexenerar, como no caso de Tui, con novos fogares e moita máis vida e dinamismo”, detallou o representante autonómico.

O formato do programa Rexurbe 2022 en Tui funcionará de xeito similar á anterior convocatoria. Deste xeito, os propietarios de inmobles en estado de abandono ou semiabandono situados na área Rexurbe do núcleo histórico e que queiran vendelos á Xunta de Galicia deberán presentar a súa solicitude ante o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) durante os vindeiros quince días. No caso de precisar máis información, poden resolver as súas dúbidas e cuestións a través do número de teléfono 981 957 965 ou, de xeito presencial, nas dependencias do servizo provincial.

Posteriormente, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda procederá á baremación das ofertas para decidir os inmobles que serán adquiridos para a súa posterior rehabilitación como vivendas de promoción pública. Cómpre sinalar que, ademais de cumprir os requisitos técnicos e administrativos recollidos na convocatoria, priorizarase a compra daqueles inmobles cunha arquitectura especial ou valor patrimonial.

A Xunta de Galicia incluiu o pasado ano no programa Rexurbe ao Concello de Tui e este exercicio repetirá investimento neste municipio, no marco dos 2 millóns de euros da presente convocatoria, xunto cos termos da Coruña, Ferrol, Ourense e Ribadavia. Deste xeito, pretende dárselle continuidade á compra de inmobles do seu casco histórico, para a súa posterior rehabilitación como vivendas, tras a adquisición de tres edificios en 2021, emprazados en San Telmo 44, Cuenca 18 e Cuenca 42 e que supuxeron un investimento de 202.000 euros; e outro máis anteriormente na rúa Bispo Castañón, 20 por un importe de 100.000 euros.

O programa Rexurbe da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda xurdiu no ano 2017 e, ata a data, supuxo uns compromisos de adquisición de 85 inmobles cun investimento de 31,5 millóns de euros que permitirán poñer no mercado unhas 150 vivendas rehabilitadas en toda Galicia.

Imaxes relacionadas