A Xunta financia o 100% das peticións dos concellos que queren abrir unha unidade de atención temperá

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2022.-

A Xunta de Galicia está a financiar o 100 % das peticións de todos os concellos que solicitan abrir unha unidade dentro da rede galega de atención temperá, que rematará este ano con 46 en funcionamento e cubrirán preto de 200 concellos. Así o indicou hoxe o director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, durante a súa comparecencia na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego.

Fernando González Abeijón salientou o impulso que nos últimos anos se lle deu a esta rede galega para a prevención e detección de problemas de desenvolvemento na primeira infancia. Así, no ano 2009, a Comunidade Autónoma contaba con dúas unidades que cubrían 14 concellos e hoxe ten en servizo 36 equipos que atenden a máis de 167 municipios.
 

O director xeral de Persoas con Discapacidade asegurou que o Goberno galego seguirá a estender este servizo por toda Galicia, co incremento do número de unidades e de concellos cubertos. Tamén indicou que se seguirán a mellorar as condicións de financiamento de todas estas unidades co fin de garantir a súa estabilidade e sustentabilidade.

Neste sentido, explicou que a Xunta está a traballar coa Asociación Galega de Atención Temperá (Agat), que xestiona as unidades de Bergantiños, O Salnés e O Deza, para estudiar posibles melloras nas mesmas.

Imaxes relacionadas