Gabriel Alén salienta a colaboración entre Xunta e Estado na educación vial dos escolares da provincia

O delegado territorial explicou que esta actividade encadrase no programa ‘Convivir, Respectar e Compartir’, orientada a dar a coñecer aos nenos e nenas os aspectos básicos da seguridade vial e compartir experiencias e medios con membros da Garda Civil de Tráfico, Policías Locais e Servizos de Emerxencias

A colaboración entre as distintas Administracións permitiu levar a cabo este labor educativo e achegar a educación vial a preto de 1300 nenas e nenos de educación primaria e infantil de centros da provincia
 

Ourense, 30 de xuño de 2022

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, destacou esta mañá, o labor altruísta dos voluntarios de protección civil, que contribúen a ofrecer un mellor servizo aos cidadáns, e manifestou a importancia da colaboración da Xunta cos concellos en materia de protección civil e emerxencias para dotalos dun equipamento adecuado que permita acadar unha maior seguridade para os membros dos servizos municipais e, polo tanto dos seus veciños.

 

Así o manifestou Gabriel Alén na presentación da xornada de convivencia intercomarcal Tuxo e Lela, que se desenvolverá no día de mañá no concello da Veiga e incluirá un acto de educación vial para os máis cativos e cativas. Esta actividade -explicou o delegado territorial- encadrase no programa “Convivir, Respectar e Compartir”, orientada a dar a coñecer aos nenos e nenas os aspectos básicos da seguridade vial, o mesmo tempo que desfrutan da súa bicicleta ou patinete, participan da mobilidade e adquiren coñecementos e competencias, e toman contacto co labor e medios da Garda Civil de Tráfico, Policías Locais e Servizos de Emerxencias.

 

Estas actividades de educación vial que terán continuidade ao longo do verán, con varias xornadas no mes de xullo e agosto nos concellos de Ourense (14 de xullo e 11 de agosto, na Aula da Natureza de Oira); O Pereiro de Aguiar (27 de xullo e 8 de agosto, no Colexio Ben-Cho-Shey) e Xinzo de Limia (19 de xullo, dentro das Xornadas do Verán de Xinzo).

 

O delegado territorial destacou a colaboración entre distintas Administracións, a Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Ourense, a través do Servizo Provincial de Emerxencias, e da Administración Xeral do Estado co Servizo de Formación da Xefatura Provincial de Tráfico, que permitiu levara cabo este labor educativo e achegar a educación vial a preto de 1300 nenas e nenos de educación primaria e infantil dos centros: CEIP Sandiás, CPR Mª Inmaculada de Verín, CPR Mª Auxiliadora de Ourense, CPR Sagrado Corazón de Celanova, CEIP Carlos Casares de Xinzo. CPI Maside, CEIP Rosalía de Castro de Xinzo, CEIP Xunqueira de Ambía, CEIP de Cortegada e CEIP de Arnoia, e CEIP de Castrelo de Miño

 

Gabriel Alén tamén quixo agradecer a desinteresada colaboración das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil da provincia, encargadas da mobilización e montaxe do circuíto de educación vial para que todos os rapaces e rapazas de Ourense teñan a posibilidade de desfrutar destas actividades lúdico formativas.

 

Actualmente forman a rede de Protección Civil na provincia de Ourense un total de 74 agrupacións de voluntarios, nos que a Xunta de Galicia leva destinado, a través de dúas liñas de subvención, unha inversión que supuxo nos últimos anos a adxudicación de 54 vehículos pick up, 13 furgóns de loxística, 54 remolques de emerxencia, 7 embarcacións pneumáticas, remolques con carpa, esparexadores de sal, coitelas quitaneves, tendas de campaña para atención ás emerxencias, equipos de excarceración cunha inversión total que ascende a máis de cinco millóns de euros destinados a provincia de Ourense.

Imaxes relacionadas