A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, realizou esta mañá un percorrido por algúns dos inmobles xa adquiridos no barrio

Martina Aneiros anima aos propietarios de Ferrol Vello a presentar as súas ofertas de venda de inmobles dentro do Plan Rexurbe ata o vindeiro 15 de xullo

No caso de Ferrol, a oferta deste 2022 conta cun investimento do Goberno galego de 200.000 euros

Ferrol, 30 de xuño de 2022 Os propietarios de inmobles deshabitados en Ferrol Vello dispoñen ata o próximo 15 de xullo para presentar as súas ofertas de venda á Xunta no marco do Programa Rexurbe, a través da que o Goberno galego adquire edificios en mal estado de conservación ou solares para a súa rehabilitación e posterior posta a disposición dos cidadáns como vivendas de promoción pública.

 

Así o lembrou esta mañá, a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, durante un percorrido que realizou pola rúa Espartero, onde o Goberno galego adquiriu en pasadas convocatorias tres edificios. “A finalidade é mercar inmobles que, estando inscritos no Rexistro da propiedade, permitan que as futuras vivendas reúnan as condicións óptimas de confort e habitabilidade; non se atopen afectados por servidumes ou cargas, que poidan facer inviable a actuación; e que os custos de rehabilitación non resulten desproporcionados”, indicou Aneiros. Os interesados teñen á súa disposición o teléfono 981 957 965 e as bases no Diario Oficial de Galicia.

 

No caso de Ferrol, a oferta de 2022 conta cun investimento previsto de 200.000 euros aínda que, como recordou a delegada territorial, “no caso de non esgotarse o crédito previsto para un determinado municipio e se o crédito inicial previsto para os demais resultase insuficiente, o importe sinalado podería variarse”.

 

A área Rexurbe de Ferrol, a sexta de Galicia e declarada o pasado mes de xaneiro, abrangue unha superficie de 105.300 metros cadrados. Nela localízanse 269 edificios e 1.019 vivendas.

 

“Ferrol é un concello referente do programa Rexurbe. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda xa investiu 1,73 millóns de euros entre a adquisición de 19 propiedades, a redacción de proxectos e a execución dun inmoble”, lembrou a representante do Goberno galego.

 
Balance do Programa Rexurbe

O Goberno galego puxo en marcha en 2017 o programa Rexurbe. Na actualidade, xa ten comprometidos máis de 31,5 millóns de euros na adquisición e rehabilitación de 85 inmobles emprazados nos centros históricos, cos que prevé obter arredor de 150 vivendas de promoción pública.

 

A figura da área Rexurbe foi creada coa Lei de rehabilitación de 2019 e, hoxe, xa existen seis declaradas en Galicia: Mondoñedo (febreiro de 2020), A Coruña (maio de 2020), Ribadavia (xullo de 2020), Tui (xullo de 2021), Ribadeo (decembro de 2021) e Ferrol (xaneiro de 2022).

Imaxes relacionadas