A Xunta remata a substitución de carpintarías no CEIP Pintor Antonio Fernández e impulsa a mellora da eficiencia enerxética no CEIP Pedro Caselles

O delegado territorial, Luis López, acompañado pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, anunciou a actuación no colexio do barrio de Mosteiro durante a visita de supervisión ás obras que acaban de finalizar no centro educativo de Goián

A Consellería de Educación investiu 65.000€ na renovación de fiestras e portas no CEIP Pintor Antonio Fernández para dotalo de maior confortabilidade térmica interior e xa supera os 225.000€ en obras de mellora ao longo dos últimos anos

O Goberno galego vai comezar de inmediato co cambio de todas as carpintarías exteriores no colexio Pedro Caselles cun investimento de 484.000€ e un prazo de execución de dous meses
 

Tomiño, 30 de xuño de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, vén de rematar as obras de substitución de carpintarías exteriores no CEIP Pintor Antonio Fernández de Goián, no Concello de Tomiño, e xa está a impulsar unha obra similar, enmarcada nos proxectos educativos de eficiencia enerxética, no CEIP Pedro Caselles, emprazado no barrio de Mosteiro do mesmo municipio.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciou esta nova actuación nunha visita de supervisión ás obras realizadas no CEIP Pintor Antonio Fernández xunto á alcaldesa de Tomiño, Sandra González, o xefe territorial de Educación, César Pérez, e outros representantes municipais e educativos.

“O noso compromiso cos centros públicos de Tomiño é claro e visible, xa que acabamos de rematar unhas importantes obras de eficiencia enerxética no colexio de Goián e xa imos iniciar as do Pedro Caselles, ao que hai que engadir os proxectos en marcha para a modernización da iluminación no CEIP Sobrada e para a ampliación do IES Antón Alonso Ríos cun investimento de 2 millóns de euros máis”, explicou o representante autonómico, que lembrou que estas catro actuacións supoñen unha contía total de 2.550.000 euros.

A obra xa rematada no CEIP Pintor Antonio Fernández consistiu na mellora da súa eficiencia enerxética e da confortabilidade térmica interior a través do reemprazo das súas carpintarías exteriores e da dotación de novos envolventes cun orzamento de 64.000 euros. Cómpre lembrar que a Xunta investiu máis de 225.000 euros en obras de mellora neste colexio nos últimos anos.

Paralelamente, o Goberno galego xa está a piques de iniciar o cambio de todas as fiestras e portas do CEIP Pedro Caselles cunha achega de 484.000 euros e un prazo de execución de dous meses, que posiblemente se desenvolverá durante os meses centrais do verán. Esta actuación incluirá todas as carpintarías exteriores do edificio central, de dúas prantas e que acolle as aulas de educación infantil e primaria, e as dos inmobles anexos, adicados a usos administrativos e ximnasio.

Imaxes relacionadas