Fernández-Tapias presenta o Festival Latitudes: Iggy Pop, Two Door Cinema Club, Mando Diao e The Vaccines

A delegada territorial de Xunta en Vigo presentou o esperado cartel do Festival Latitudes que se celebrará os vindeiros 19 e o 20 de agosto no peirao de Transatlánticos

A lenda estadounidense Iggy Pop, os irlandeses Two Door Cinema Club, os suecos Manda Diao e os británicos The Vaccines encabezan a primeira edición en Vigo do evento patrocinado polo Xacobeo 21-22

Os vigueses Aphonnic e Zålomon Grass, os coruñeses Bala e os pontevedreses Furious Monkey House completan a oferta do festival que iniciará a venda de entradas este venres 1 de xullo

Vigo, 30 de xuño de 2022

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou este xoves na presentación do evento musical máis esperado do verano en Vigo: a primeira edición do Festival Latitudes. Acompañada polo presidente da Autoridade Portuaria, Jesús Vázquez Almuiña; o director da produtora Esmerarte, Joaquín González “Kin”, e o representante de Estrella Galicia, Jaime Perozo, a representante autonómica cualificou a programación musical do Xacobeo como a mellor oferta de toda Galicia.

“A Xunta traerá a Vigo este verano, sen ningún lugar a dúbidas, a mellor oferta musical de toda Galicia”, sinalou durante a súa intervención no acto celebrado no paseo das Avenidas. Fernández-Tapias destacou a calidade do cartel do Festival Latitudes (19 e 20 de agosto no peirao de Transatlánticos) e lembrou outras citas xa pechadas como as de C. Tangana (23 de agosto) ou Muse (8 de setembro).

O Festival Latitudes, que celebrou a súa última edición no ano 2016 en Santiago de Compostela, chega agora a bo porto como parte da programación musical do Xacobeo 21-22. Así, converterá durante dous días o porto de Vigo nunha nova parada obrigatoria do Camiño de Santiago.

Latitudes arriba a Vigo cun cartel que inclúe algúns dos principais referentes da música rock do panorama internacional. Empezando polos irlandeses Two Door Cinema Club, sen esquecernos dos suecos Mando Diao ou a banda británica The Vaccines, para chegar ata a lenda estadounidense do rock Iggy Pop.

Os grupos galegos non faltarán, por iso, o seu cartel complétano varias bandas da mesma cidade de Vigo. Entre os invitados a esta cita estará a banda viguesa Aphonnic, que tocarán o seu metal alternativo, os pontevedreses Furious Monkey House, o trío de blues cósmico, e tamén vigués Zålomon Grass, e o dúo grunge galego Bala.

“Estamos ante un grupo de artistas que arrastrará a vigueses e visitantes ata o Peirao de Transatlánticos para gozar de dúas noites nas que navegaremos entre diferentes estilos musicais e actuacións que marcarán un dos veráns máis esperados na cidade”, sinalou Joaquín Martínez Silva, “Kin”.

Os abonos sairán á venda en ataquilla.com o venres 1 de xullo ás 12:00 con catro tramos de prezos diferentes: 35 €, 40 €, 45 € e 50 €.

Imaxes relacionadas