A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade interveu esta tarde no Parlamento de Galicia

Ethel Vázquez salienta que a sentenza que lle dá a razón á Xunta sobre as peaxes de Rande e A Barcala da AP-9 supón un aforro de 400 M€ para os galegos

Vázquez Mourelle explica que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia avala que a Administración autonómica non ten que pagar a compensación a Audasa pola liberación das peaxes por ser unha autoestrada estatal

Indica que o actual Goberno autonómico sempre viu un despropósito abonar con cartos da Xunta as peaxes en sombra dunha autoestrada de competencia do Estado e actuou para deixar sen efecto o acordo do Bipartito co Executivo central en 2006
 

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, trasladou a satisfacción da Xunta pola sentenza que lle dá a razón en relación ás peaxes de Rande e A Barcala na AP-9 e que fará posible un aforro de 400 millóns de euros para as arcas públicas autonómicas e para o peto dos galegos.

Vázquez Mourelle subliñou esta tarde no Parlamento que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia lle deu a razón á Xunta fronte ao Goberno central, polo que os galegos non terán que pagar unha compensación pola liberación das peaxes de Rande e A Barcala, ao tratarse dunha autoestrada estatal.

Explicou que o fallo supón que a Xunta non terá que pagar unha indemnización de 15,6 M€ a Audasa e que aforrará preto de 400 M€ por todos os anos que restan de concesión da autoestrada AP-9.

Ethel Vázquez incidiu en que o actual Executivo galego sempre considerou un despropósito ter que abonar, cos cartos de todos os galegos, as peaxes en sombra dunha autoestrada estatal, polo que actuou para liberar a Xunta do acordo que o Goberno Bipartito asinou co Executivo central en 2006, sendo presidente o socialista José Luis Rodríguez Zapatero.

Audasa reclamaba á Administración autonómica as peaxes en sombra dos exercicios correspondentes a 2000 e 2021, pero o alto tribunal foi rotundo ao afirmar que non lle correspondía á Administración autonómica facelo, xa que é o Executivo central o responsable ao tratarse dunha autoestrada de titularidade estatal.

A Xunta veu insistindo de xeito reiterado neste argumento, que a quen lle corresponde pagar esa subvención é ao titular da autoestrada, que é o Ministerio de Transportes. Un punto tamén avalado polo Goberno central sendo presidente Mariano Rajoy, cando se decidiu deixar sen efecto o convenio asinado co Goberno Bipartito da Xunta, establecendo, claramente, que sería a Administración Xeral do Estado quen asumise integramente o custo das peaxes en sombra de Rande e A Barcala.

A conselleira congratulouse por este desenlace ante a pretensión do Goberno de España de endosarlle aos galegos unha débeda que non é de competencia autonómica.

Incidiu en que os principais destinatarios dos investimentos públicos deben ser os cidadáns e o territorio e non as empresas privadas.

Neste sentido, recordou o informe da Comisión Galega da Competencia, que cualifica de “excesivas” e como “posibles axudas de Estado” as compensacións que está a recibir a concesionaria da autoestrada polas obras de ampliación nos accesos a Vigo e a Santiago.

Recordou tamén que a Xunta ten pedido en innumerables ocasións ao Goberno de España a adopción de medidas ante as evidencias que apuntan a un excesivo enriquecemento da concesionaria á conta desta autoestrada, sen que ata o momento houbese resposta.

Cómpre lembrar que a AP-9 é unha das principais vías de comunicación en Galicia, vertebradora de practicamente o 60% da poboación.

A conselleira referiuse á pouca repercusión das bonificacións que se está a aplicar nas peaxes desta estrada desde hai case un ano, algo que recoñece ata o propio Ministerio de Transportes. Lembrou, a este respecto, que a Xunta xa advertira que unha bonificación do 20% para vehículos pesados, en vez do 60% que propuxo o Goberno galego, non é aliciente suficiente para sacar os camións das estradas convencionais e, con iso, contribuír a mellorar a seguridade viaria.

Subliñou, ademais, que dos 55 M€ consignados para os descontos das peaxes da AP-9 no ano 2021 quedaron sen gastar 38 M€. Neste sentido, lamentou que o Goberno central non destinase ese orzamento a ofrecer descontos similares na outra autoestrada estatal, na AP-53, como ten demandado a Xunta, xa que tan só implicaría un gasto de 3,2 M€.

Ethel Vázquez tamén se referiu á tramitación da transferencia da titularidade da AP-9, que comezou en decembro de 2019. Lembrou que, aínda que se chegou a constituír a ponencia o 21 de setembro, desde esa data non se soubo nada máis.

Reiterou que o Goberno galego mantén a mesma posición desde hai anos, defendo para Galicia a titularidade da AP-9 para que as decisións sobre esta infraestrutura vital se tomen desde o territorio e respondan de mellor xeito ás necesidades dos usuarios.
 

Imaxes relacionadas