O conselleiro do Medio Rural respondeu esta tarde unha interpelación sobre as plantacións realizadas en zonas de concentración parcelaria

A Xunta pon en valor as concentracións parcelarias como ferramentas fundamentais na reorganización do territorio e na loita contra o minifundismo

José González indicou que se seguirán impulsando este tipo de procesos á vez que se aposta por outros instrumentos de mobilización voluntarios recollidos na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia

Dende o ano 2020, entregáronse preto de 23.300 títulos de propiedade de 21 concentracións parcelarias, o que beneficiou case 10.000 propietarios
 

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2022

O conselleiro do Medio Rural, José González, destacou esta tarde no Parlamento galego que as concentracións parcelarias son fundamentais na reorganización do territorio e na loita contra o minifundismo presente na Comunidade galega, dende o punto de vista da estrutura da propiedade.  

Así, José González salientou que estes mecanismos de reordenación seguen sendo unha clara aposta do Executivo galego e indicou que se seguirán impulsando este tipo de procesos á vez que se aposta por outros instrumentos de mobilización voluntarios recollidos na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

Neste senso, o titular de Medio Rural subliñou que, dende o ano 2020, entregáronse preto de 23.300 títulos de propiedade de 21 concentracións parcelarias, o que beneficiou case 10.000 propietarios. Uns procesos, matizou, que teñen tanto carácter agrícola como forestal, polo que as plantacións existentes deberán cumprir sempre a Lei de montes e a Lei de recuperación, esta última no que atinxe á moratoria do eucalipto. Así, insistiu en que o Goberno galego non só traballa a prol dun rural ordenado e ben xestionado, senón que tamén vela por poñerlle coto ás ilegalidades. 

A maiores, José González indicou que se está traballando nos 94 procesos abertos a día de hoxe, co fin de mellorar a estrutura territorial das explotacións agropecuarias de cada zona, o que redundará nun incremento da súa base territorial e unha diminución dos seus custos de produción.

Doutra banda, o conselleiro tamén destacou que, no primeiro ano de vixencia da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, xa están declaradas 19 aldeas modelo que supoñen a recuperación de 523 hectáreas. Unha superficie que se verá incrementada, matizou, coa posta en marcha dunha decena de polígonos agroforestais.

Tal e como apuntou González, a recuperación das terras agrarias en Galicia é fundamental para dinamizar o medio rural e crear actividade económica. Por iso, dende o ano 2009, a Xunta destinou máis de 118 millóns de euros para avanzar na ordenación do territorio galego.

Imaxes relacionadas