A Xunta resolverá en xullo as ordes de axudas para proxectos e actuacións nas 7 reservas de biosfera

Cun orzamento total de máis de 5 M€, o Goberno autonómico convocou o pasado mes de febreiro unha liña de incentivos dirixida aos órganos xestores destes espazos e outra destinada especificamente a concellos e entidades presentes nestas zonas


Belén do Campo subliña a axilidade coa que Galicia tramitou estes incentivos e avanza que será tamén unha das primeiras comunidades en adxudicar as subvencións
 

Oleiros (A Coruña), 29 de xuño de 2022

A Xunta ten previsto resolver o vindeiro mes de xullo as dúas ordes de axudas dotadas dun orzamento global de máis de 5 millóns de euros e dirixidas a financiar proxectos, actuacións e iniciativas que teñan como obxectivo principal a mellora e posta en valor das 7 reservas de biosfera declaradas en Galicia.

 

Así o anunciou esta mañá en Oleiros a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, que participou en representación da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda nas xornadas internacionais Retos de futuro nas Redes de reservas da biosfera organizadas polo Centro de extensión e divulgación universitaria de Galicia (Ceida).

 

Tras subliñar que estas axudas se financian con cargo aos fondos europeos do programa NextGenerationUE, a directora xeral explicou que o pasado 11 de febreiro se publicou a primeira destas ordes, dirixida a financiar actuacións por parte de concellos e entidades vencelladas a calquera das 7 reservas da biosfera galegas. Cun orzamento global de 3,22 millóns de euros para o período 2022-2023, estes incentivos permitirán financiar a instalación de observatorios para aves, accións de recuperación de vexetación de ribeira nos ríos ou de eliminación de especies invasoras, accións de concienciación, mellora de sendas e áreas de descanso ou colocación de sinalización, entre outro tipo de proxectos.

 

A segunda orde de axudas, convocada o 16 de febreiro e cunha partida asignada de 1,85 millóns de euros, vai dirixida especificamente ás 4 reservas de biosfera galegas que contan con órganos de xestión independentes da Xunta: Terras do Miño; Ancares lucenses e montes de Cervantes, Navia e Becerreá; Mariñas coruñesas e Terras de Mandeo; e Área de Allariz. Neste caso, os fondos dispoñibles repartiranse entre as 4 entidades xestoras para que poidan destinalos á posta en valor dos espazos naturais.

 

Deste xeito, Do Campo explicou que a Xunta volve demostrar a súa “axilidade e eficiencia” na xestión dos fondos europeos asignados a Galicia no marco do programa reservado para actuacións en materia de conservación e protección da biodiversidade, que permitirá destinar 6,4 millóns de euros ás 7 reservas tendo en conta tamén os fondos que manexará o Goberno galego nos 3 espazos que xestiona de forma directa: Xurés-Gerês; río Eo, Oscos e Terras de Burón; e Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel.

 

Ao respecto, a directora xeral lembrou que unha vez transferidos os fondos, Galicia foi unha das comunidades que tramitaron con maior rapidez as correspondentes ordes de axudas. Unha axilidade que lle permite agora, tal e como explicou, estar en disposición de resolver e notificar todas as axudas concedidas, mentres outros Gobernos autonómicos nin sequera convocaron as súas respectivas ordes.

 
Aposta polo traballo coordinado e en rede
Durante a súa intervención no foro do Ceida, no que tamén participou o presidente do Organismo autónomo de parques nacionais (OAPN), Belén do Campo puxo en valor a aposta da Xunta por esta figura de protección medioambiental, que se plasmou entre outras medidas no impulso da Rede galega de reservas de biosfera, creada no ano 2017 co obxectivo prioritario de fomentar o traballo coordinado entre estes espazos.
 

Na mesma liña, referiuse tamén ao impulso dos primeiros grupos de traballo vencellados a esta rede, concibidos co fin de afondar en temas concretos e de interese común para os 7 espazos que contan actualmente en Galicia con esta declaración, como poden ser a gobernanza, a implicación da xuventude, o 50 aniversario da creación desta figura ou a marca reserva biosfera de Galicia.

 

Por último, Do Campo fixo fincapé na importancia que teñen para a Comunidade as súas 7 reservas, que suman 1,03 millóns de hectáreas terrestres e representan xa máis dun terzo da superficie total galega.

Imaxes relacionadas