A Xunta comeza as obras de mellora da seguridade viaria no tramo de concentración de accidentes da PO-403 en Ponteareas cun orzamento de 577.000€

O delegado territorial, Luis López, supervisou esta mañá o comezo desta actuación, que beneficia a un treito de 1,6 quilómetros entre o enlace coa A-52 e o final da travesía de Angoares, nunha visita á zona coa alcaldesa, Cristina Fernández

A obra, que pretende continuar co plan de eliminación de “puntos negros” na rede viaria autonómica, desenvolverase integramente no que resta de ano e inclúe a mellora das interseccións, reforzo dos pasos de peóns e ampliación de beirarrúas

“Este proxecto figuraba entre as prioridades da Xunta para reforzar a seguridade na estrada cara Salvaterra e xa é unha realidade”, detallou Luis López, que revelou que os servizos técnicos avalían a viabilidade de introducir algunhas propostas veciñais
 

Ponteareas, 29 de xuño de 2022

A Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, vén de comezar as obras de mellora da seguridade viaria no Tramo de Concentración de Accidentes (TCA) da estrada autonómica PO-403 ao seu paso pola zona de Angoares, no Concello de Ponteareas, cun orzamento de 577.000 euros.

 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, supervisou esta mañá o comezo desta actuación, incluida no Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2016-2020, nunha visita a esta vía, que conecta a capital do Condado con Salvaterra do Miño, xunto á alcaldesa, Cristina Fernández, e outros representantes municipais.

 

A obra, que pretende continuar co plan de eliminación de “puntos negros” na rede viaria autonómica impulsado pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, desenvolverase integramente no que resta do presente ano e beneficiará a un treito de 1,6 quilómetros entre o enlace desta vía coa A-52 e o final da travesía de Angoares.

 

“Dende a Xunta de Galicia traballamos arreo nas tramitacións administrativas durante a primeira parte do ano para arrancar canto antes cos investimentos e esta actuación en Ponteareas, que xa é unha realidade figuraba entre as prioridades para reforzar a seguridade viaria nun punto de bastante tráfico de vehículos e tránsito peonil na estrada cara Salvaterra”, detallou o representante autonómico, que revelou que os servizos técnicos da Xunta están a avaliar a viabilidade técnica de introducir algúns cambios na execución para recoller algunhas propostas solicitadas polos veciños da zona.

As intervencións proxectadas teñen como principais obxectivos a mellora e reordenación das interseccións con maior accidentalidade, mediante a execución de cuñas de desaceleración ou aceleración, que facilitarán os movementos de saída e incorporación á estrada autonómica para evitar a probabilidade de alcance e incrementar a visibilidade.

 

Nas obras prevese, tamén, a creación de puntos específicos para realizar os xiros á esquerda e cambios de sentido con suficiente visibilidade, o que permitirá ademais reordenar outras interseccións próximas, limitando xiros que non se realizan actualmente nas condicións desexables de visibilidade.

 

Con esta intervención tamén se mellorará a seguridade nos pasos de peóns, establecendo medidas que garantan a súa visibilidade, mediante a restrición do aparcadoiro nas súas aproximacións ou a ampliación da beirarrúas no paso de peóns.

 

Principais actuacións

Máis en concreto, as principais actuacións proxectadas inclúen a mellora da intersección actual no punto quilométrico 8+860, coa creación dunha semiglorieta para un cambio de sentido, e a execución dunha glorieta no punto 9+380 para calmar o tráfico e reordenar as saídas próximas.

 

A actuación incorpora, ademais, as achegas presentadas ao proxecto inicial e inclúe a ampliación das beirarrúas, desde o punto quilométrico 9+210 ata a nova glorieta no punto 9+380, para completar un itinerario peonil continuo polas dúas marxes da estrada no treito obxecto da actuación. Esta intervención tamén atende á solicitude para mellorar a seguridade peonil coa protección do paso de peóns no punto quilométrico 9+160.

 

A intervención completarase coa actuación na intersección da PO-403, no punto quilométrico 9+920, mellorando a súa visibilidade coa execución de cuñas de cambio de velocidade e dun carril central.

Imaxes relacionadas