O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia serve de referente para Valencia

O xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araújo, mostrou hoxe as instalacións e dotacións tecnolóxicas do CIAE 112 Galicia a técnicos de seguridade e infraestruturas do organismo homólogo da Generalitat valenciana


A delegación valenciana valorou a capacidade, deseño e versatilidade do centro galego, que identificou como un dos máis modernos de España
 

A Estrada (Pontevedra), 29 de xuño de 2022

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia convértese nun referente para a creación das novas instalacións que acollerán o servizo de atención ás chamadas de emerxencia da Comunitat valenciana. Así o puxeron de manifesto os técnicos de seguridade e infraestruturas da Agència de Seguretat I Emergències da Generalitat Valenciana, que hoxe coñeceron as instalacións e dotacións tecnolóxicas do CIAE 112 Galicia situado na Estrada.

Así, o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), Marcos Araújo, mostrou á delegación valenciana o grao de desenvolvemento e actualización da plataforma tecnolóxica, que sustenta e dá cobertura a unha media diaria de 2.300 chamadas, como ocorreu no ano 2021.

Tamén percorreron os distintos espazos onde se desenvolven estas tarefas, que cobraron un interese especial para os técnicos valencianos, pois enxalzaron o deseño e creación dun edificio apoiado en catro pilares fundamentais, como son a versatilidade, a operatividade, a potencia tecnolóxica e a capacidade integradora.

Deste xeito, os técnicos da Agència de Seguretat I Emergències da Generalitat Valenciana identificaron o centro galego como un dos máis modernos de España, de aí a súa inclinación por coñecer de primeira man as instalacións galegas, que dan resposta a unha media diaria de 630 incidencias.

Por último, os técnicos valencianos achegáronse ao hangar do Grupo de Apoio Loxístico da Axencia Galega de Emerxencias para revisar os recursos cos que conta a AXEGA para a intervención en grandes emerxencias, e que supoñen o reforzo necesario para facer fronte ás esixencias dunha situación crítica.

Imaxes relacionadas