O coruñés Andrés Fernández Calderón é o novo xerente de Expocoruña

Diplomado en Turismo e Máster en Dirección Hoteleira, conta con máis de 18 anos de experiencia en xestión turística

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2022

Andrés Fernández Calderón (A Coruña, 1981) é o novo xerente de Expocoruña, tras o seu nomeamento por parte da Presidencia do Padroado do Instituto Feiral da Coruña, que exerce a Xunta de Galicia.

 

Diplomado en Turismo pola Universidade Antonio Nebrija e máster en Dirección Hoteleira pola Universidade Autónoma de Barcelona, conta con máis de 18 anos de experiencia no sector do turismo e a xestión hoteleira en diferentes países, en compañías como Barceló, Meliá ou Carrís Hoteles.

 

A elección de Andrés Fernández realizouse mediante un proceso selectivo no que se avaliaron preto de 500 candidaturas, atendendo a criterios de competencia profesional, cualificación, formación e experiencia en función do cargo a desempeñar, co obxectivo de darlle un novo pulo ao recinto feiral coruñés no actual contexto económico.

 

Segundo os estatutos vixentes, o nomeamento do xerente de Expocoruña correspóndelle á Presidencia do Padroado, que exerce a Xunta de Galicia, que buscou o máximo consenso en torno ao candidato elixido a través deste procedemento.