A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe a Memoria de Tráfico das estradas de titularidade da Xunta correspondente ao pasado ano

A rede autonómica de estradas rexistrou un aumento medio de tráfico do 18,1% en 2021, fronte ao retroceso do 20,8% motivado pola pandemia en 2020

O tráfico medio rexistrado no conxunto das estradas da Xunta foi de 2.985 vehículos ao día, cifra que sube na rede cualificada como estruturante ata os 6.349 vehículos diarios

As provincias de Ourense, Lugo e Pontevedra superaron esta media, cun 18,9%, 18,6 % e 18,3 %, respectivamente; sendo o aumento menor na da Coruña, cun valor do 17,5 %

Do tráfico rexistrado polas estacións de aforo durante 2021, o 8,4 % correspondeuse con vehículos pesados, acadándose as porcentaxes máis elevadas en Lugo e Ourense

Estes datos, que son o resultado do estudo exhaustivo de 390 estacións de aforos, permiten adaptar a xestión da rede autonómica de estradas ás demandas reais, prever as necesidades futuras e planificar as actuacións precisas
 

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2022.-

As estradas de titularidade da Xunta rexistraron o pasado ano 2021 unha intensidade media diaria de 2.985 vehículos, o que supón un aumento do 18,1% para o global de Galicia, fronte ao retroceso do 20,8% no período 2019-2020, motivado polas restricións derivadas da pandemia. Así o recolle a Memoria de Tráfico que elabora anualmente a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e que se publica hoxe.

 

Nos datos desagregados por provincias, o maior aumento no tráfico rexistrouse na provincia de Ourense cun 18,9%, seguida por Lugo co 18,6 % e Pontevedra co 18,3 %. O menor ascenso rexistrouse na provincia da Coruña cun valor do 17,5%.

 

En relación á intensidade media diaria (IMD) de vehículos, no 2021 superouse o valor autonómico nas vías das provincias de Pontevedra, con 4.347 vehículos ao día, e da Coruña, con 4.065. Por debaixo da intensidade media diaria galega sitúase o tráfico nas estradas de Ourense, con 1.614 vehículos ao día, e de Lugo, con 1.490.

 

Do tráfico rexistrado polas estacións de aforo durante o ano 2021, o 8,4 % correspondeuse con vehículos pesados, valor inferior ao rexistrado nesas mesmas estacións durante o ano anterior. Por provincias, as porcentaxes máis elevadas de tráfico pesado rexistráronse en Lugo e Ourense, co 11,9% e o 8,4% respectivamente. Polo contrario, os valores mínimos correspondéronse coas provincias da Coruña e de Pontevedra, co 7,6 e o 5,5% respectivamente.

 

A memoria de Tráfico tamén recolle os datos de intensidade media diaria de vehículos segundo o tipo de vías polas que se circula, que divide a rede en tres posibles tipos: estruturante, complementaria e local, en función da categoría dos núcleos urbanos ou os centros de actividade aos que sirve, así como a función que desempeñe o tramo en relación coa ordenación do territorio e do sistema de transporte. Cómpre lembrar que a entrada en vigor do Decreto 100/2021, do 24 de xuño, polo que se aprobou o Catálogo de estradas da rede autonómica da Xunta, derrogou o anterior sistema que establecía a clasificación das estradas en Vía de alta capacidade, Primaria básica, Primaria complementaria e Secundaria.

 

Para o conxunto de Galicia, e segundo a clasificación actual, por tipo de vía, a rede estruturante rexistrou unha intensidade media de 6.349 vehículos ao día, seguida da rede complementaria, que acadou unha media de 2.532 vehículos ao día. Finalmente, a rede Local rexistrou unha intensidade media de 1.648 vehículos ao día.

 

Cómpre ter en conta que durante o ano 2021, as limitacións impostas á mobilidade pola xestión da situación de crisis sanitaria ocasionada por mor da covid-19 supuxeron una redución dos desprazamentos e, en consecuencia, do tráfico en xeral. Estas restricións foron máis marcadas nos meses de xaneiro e febreiro, cun volume de tráfico menor ao habitual se se comparan cos meses posteriores.

 

Deste xeito, a partir de marzo comézase a recuperar a normalidade no que a volume de tráfico se refire, acadándose, en xeral, valores máis próximos, e en ocasión incluso se superan, aos do ano 2019.

 

Nesta análise tamén se ten en conta que entre o 31 de xaneiro do 2021 e ata o 1 de maio os pasos fronteirizos de Arbo, Salvaterra do Miño e Tomiño permaneceron pechados á circulación, rexistrando un elevado descenso do tráfico durante este período polo peche da ponte de Arbo.

 

Os datos recollidos na Memoria de Tráfico de 2021 son o resultado de 390 estacións de aforos, das que o 60 por centro, un total de 240,  foron fixas ou de detección magnética; e 150 de detección pneumática. Este método de mostraxe consiste en recoller información exhaustiva nun número determinado de seccións elixidas nos tramos máis significativos da rede viaria.

 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade realiza unha análise anual do tráfico das estradas da súa titularidade co obxectivo de dispoñer de información permanentemente actualizada sobre os vehículos que circulan por estas vías e clasificada conforme a parámetros tales como a intensidade media diaria, a porcentaxe de vehículos pesados e as súas variacións ao longo do tempo.

 

Ese conxunto de datos resultan de grande utilidade para adaptar a xestión da rede autonómica de estradas ás súas demandas reais, prever as necesidades futuras e planificar as actuacións e os investimentos nas vías.

 

Os datos da Memoria de Tráfico poden consultarse no seguinte enlace: https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/c/document_library/get_file?folderId=1646706&name=DLFE-48049.pdf

Imaxes relacionadas