A Xunta convoca axudas para proxectos na área de influencia do Parque Nacional das Illas Atlánticas por máis de 1,6 M€

As subvencións outorgaranse por concorrencia competitiva e o prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir de hoxe

Concederase o 100 % do investimento subvencionable cun importe máximo de 100.000 euros no caso dos concellos
 

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2022

A Xunta abre hoxe o prazo para solicitar as axudas na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas por máis de 1,6 millóns de euros para os anos 2022 e 2023, con cargo ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

 

Estas subvencións, que se outorgarán por concorrencia competitiva e cuxo prazo de presentación de solicitudes será dun mes, teñen por obxecto promover o desenvolvemento sustentable das poboacións asociadas ao Parque Nacional, fomentando o emprego verde e o emprendemento. As actividades financiables centraranse en desenvolver, demostrar, promover e presentar relacións harmoniosas do ser humano coa súa contorna, exemplificando unha nova maneira de relación das persoas coa natureza.

 

Poderán beneficiarse destas axudas os concellos de Bueu, Ribeira, Vilagarcía de Arousa e Vigo e as pemes, cuxa sede estea radicada na área de influencia do Parque e cuxa actividade principal se desenvolva tamén nese ámbito xeográfico. Así mesmo, están incluídas as empresas  de inserción laboral e os centros especiais de emprego.

 

A maiores, poderán optar a estas axudas os autónomos que teñan a súa residencia e actividade na zona, e aqueles que, sen residir alí, realicen actividades produtivas de carácter artesanal ligadas ao sector primario.

 

No caso das persoas físicas, poden solicitar financiamento os residentes e empadroados na zona de influencia, os titulares dunha concesión na Illa de Ons e os propietarios dunha vivenda dentro do Parque Nacional.

 

Tamén son posibles receptores de axudas as institucións sen fins de lucro e as entidades de dereito público constituídas ao abeiro dalgunha lexislación sectorial en materia de recursos naturais renovables.

 

Concederase o 100 % do investimento subvencionable cun importe máximo de 100.000 euros no caso dos concellos. Os particulares e institucións sen fins de lucro poderán optar a ata 75.000 euros para centros especiais de emprego, e a ata 15.000 euros no resto dos casos. No que respecta ás entidades empresariais, terán un tope máximo de 75.000 euros no caso de empresas de inserción laboral e de centros especiais de emprego, e un máximo de 15.000 euros no resto dos casos.

 

Só se admitirá unha solicitude de axuda e un único proxecto por solicitante.

Imaxes relacionadas