A Xunta recibe o premio “Salud animal de España” polo seu traballo a prol da erradicación da tuberculose bovina en Galicia

José González agradeceu o esforzo e traballo continuo de veterinarios, gandeiros e Administración Pública nos últimos anos, enfocado na vixilancia para conseguir elevar o status sanitario do vacún da rexión

Acadar a condición de rexión libre de tuberculose traduciuse nunha posición de clara vantaxe comercial nacional e internacional, tanto no comercio de animais bovinos vivos como dos seus produtos
 

Madrid, 28 de xuño de 2022

O conselleiro do Medio Rural, José González, recolleu hoxe en Madrid o premio “Salud animal de España”, da prestixiosa publicación Animals Health, outorgado nesta primeira edición á Xunta polo seu traballo a prol da erradicación da tuberculose bovina en Galicia. Estes premios teñen como obxectivo recoñecer as aportacións e logros de persoas e institucións no ámbito da saúde animal en España.

 

Así, o conselleiro agradeceu este galardón e subliñou que a consecución da condición de Galicia como oficialmente indemne á tuberculose bovina supuxo a identificación da comunidade galega como unha rexión do Estado cun status sanitario privilexiado en relación ás enfermidades suxeitas a programas oficiais de erradicación, ademais de ter o maior número de explotacións bovinas e ser líder no sector lácteo.

 

Neste senso, José González destacou que este logro traduciuse nunha posición de clara vantaxe comercial nacional e internacional, tanto no comercio de animais bovinos vivos como dos seus produtos. Ademais, puxo en valor a alta calidade produtiva e xenética dos animais bovinos galegos, sendo xa un referente no mercado nacional.

 

Esforzo continuo

Durante a súa intervención, o titular de Medio Rural agradeceu o esforzo e traballo continuo de veterinarios, gandeiros e Administración Pública nos últimos anos, enfocado na vixilancia para conseguir elevar o status sanitario do vacún da rexión e contribuír á mellora da saúde pública, no marco do concepto “One health”. Neste senso, destacou que Galicia foi declarada libre de tuberculose bovina a finais do ano pasado, pero xa en 2019 a provincia de Pontevedra conseguira ese estatuto e converteuse na primeira provincia española non insular en acadar a condición de “provincia oficialmente indemne de tuberculose bovina”.

 

Así, cabe sinalar que no ano 1990 -cando se comezou co Programa Nacional de Erradicación Acelerada en España- a comunidade galega partía dunha prevalencia de tuberculose de rabaño bovino superior ao 11,79% (case 12 rabaños infectados por cada 100 revisados), sendo de 0,02% en 2021 (0,02% de rabaños infectados por cada 100 revisados). Estes datos proban que Galicia traballou intensamente na erradicación desta enfermidade, cumprindo sempre cos obxectivos epidemiolóxicos marcados pola Comisión Europea.

 

O conselleiro subliñou que, respecto doutras enfermidades animais graves obxecto de programas nacionais de erradicación cofinanciados pola Unión Europea, no ano 2013 Galicia cumpriu os obxectivos epidemiolóxicos requiridos e foi declarada tamén “rexión oficialmente indemne de brucelose ovina e cabrúa”. Un fito, matizou, que o resto dos territorios do Estado foron adquirindo paulatinamente, de xeito que en marzo de 2021 -oito anos máis tarde que Galicia-, a totalidade dos territorios do Estado acadaron ese estatuto. Na mesma liña, no ano 2019 Galicia acadou o estatuto de “rexión oficialmente indemne de brucelose bovina”, estatuto que se acadou a nivel de todo o Estado en febreiro de 2022. 

 

Por último, o conselleiro destacou que a Xunta de Galicia sempre apostou por dedicar importantes recursos á vixilancia de zoonoses (enfermidades compartidas entre animais e persoas), como é o caso da tuberculose, pola interconexión existente entre a saúde humana, a animal e a ambiental.

Imaxes relacionadas