O Parlamento aprobou esta tarde a nova lei, que nos vindeiros días será publicada no Diario Oficial de Galicia para entrar en vigor este mesmo verán

Ethel Vázquez destaca a Lei de mellora da xestión do ciclo da auga como un gran apoio aos concellos que marcará un antes e un despois na calidade dos servizos aos cidadáns e no coidado das rías e dos ríos

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade pon en valor o carácter transformador da norma, unha ferramenta de axuda aos concellos para a xestión das súas competencias de abastecemento, saneamento e depuración

Destaca que aplicará tarifas transparentes e homoxéneas en toda Galicia, respectando a autonomía municipal e sen crear novas taxas aos usuarios

Fai fincapé na necesidade desta lei, pois a Xunta leva investido máis de 1.100 M€ en novas infraestruturas hidráulicas, que cómpre que funcionen axeitadamente
 

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou a Lei de mellora da xestión do ciclo da auga como un gran apoio aos concellos que marcará un antes e un despois na calidade dos servizos aos cidadáns e no coidado das rías e dos ríos.

 

O Parlamento de Galicia aprobou esta tarde esta nova norma impulsada pola Xunta, que nos vindeiros días será publicada no Diario Oficial de Galicia para entrar en vigor este mesmo verán.

 

Vázquez Mourelle puxo en valor o carácter transformador da lei, que se configura como unha ferramenta de axuda aos concellos para a xestión dos servizos urbanos da auga, é dicir, para as súas competencias municipais de abastecemento, de saneamento e de depuración.

 

Sinalou que estas responsabilidades da auga son complexas e custosas, polo que a Xunta lles ofrece a todos os municipios, especialmente aos de mediano e pequeno tamaño, a posibilidade de delegar en Augas de Galicia a prestación deses servizos.

 

Indicou que a lei tamén supón aplicar unhas tarifas transparentes e homoxéneas en toda Galicia, que respectan a autonomía municipal e non implican crear novas taxas aos usuarios.

 

Fixo fincapé na necesidade da lei, xa que a Xunta leva investido máis de 1.100 M€ en novas infraestruturas hidráulicas, que cómpre que funcionen axeitadamente.

 

O Goberno galego impulsa esta lei por responsabilidade ambiental, garantindo a eficiencia no consumo neste contexto de cambio climático; social, para asegurar que os galegos vexan respondidas as súas necesidades en relación coa auga; e económica, para blindar actividades como a pesca, o marisqueo, a acuicultura e o turismo.

Imaxes relacionadas