A Xunta lamenta a improvisación e o escurantismo do Goberno central nas propostas para redefinir o modelo de coidados a maiores

A aplicación destas medidas suporía dificultar o acceso dos cidadáns aos coidados, reducir o número de prazas dispoñibles e requiriría dun importante orzamento que non foi comprometido polo Goberno central

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2022

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, lamentou a improvisación e o escurantismo do Goberno central nas propostas para redefinir o modelo de coidados a maiores. Esta mañá celebrouse unha reunión do Consello Territorial de Servizos Sociais na que foron aprobadas estas medidas.

 

A conselleira apuntou que esta proposta é inaceptable ao dificultar o acceso dos cidadáns aos coidados, xa que suporá a perda de prazas e postos de traballo; ao carecer de coordinación sociosanitaria; ao supoñer unha discriminación dos centros situados no rural e ao carecer dun orzamento directo para asumir os seus custes.

 

Fabiola García denunciou que nesta nova reunión o Goberno central presente de novo un documento xa cerrado, que non foi consensuado coas Comunidades Autónomas —que son competentes nesta materia— e que segue presentando as mesmas carencias que o pasado mes. Por este motivo, Galicia opúxose durante a votación á aplicación destas propostas.

 

Sen orzamento vencellado

En concreto, denunciou que a intención do Executivo central sexa “anunciar medidas e que as comunidades autónomas paguen”. A este respecto, lembrou que ademais de non achegar fondos para executar estas propostas no modelo de coidados, o Estado segue a incumprir a Lei de Dependencia que lle obriga a pagar o 50% do gasto en dependencia. A conselleira sinalou que Galicia segue asumindo o 70% do gasto da atención a maiores, mentres que o Goberno central segue sen achegar a parte que establece a Lei.

 

Fabiola García apuntou que Galicia seguirá avanzando na implantación do modelo de coidados aprobado polo Goberno galego. Un modelo, concretou, realista e consensuado co sector que contempla entre as súas medidas unha maior coordinación sociosanitaria, a incorporación de vantaxes tecnolóxicas no funcionamento diario dos centros e na mellora da humanización das instalacións.