A Xunta salienta a importancia do proxecto Forvalue para garantir a protección dos valores paisaxísticos e evitar a perda da biodiversidade

Esta iniciativa ten como obxectivo compartir experiencias e xerar ferramentas que favorezan a resiliencia do territorio fronte aos incendios

Enrique de Salvador puxo en valor a importancia tanto da información territorial e a súa análise como da participación directa de quen vive no territorio e mantén vivas as actividades que se desenvolven nel

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria -que coordinou o proxecto desde a Xunta- puxo en valor esta iniciativa transfronteiriza e os avances acadados de cara a avanzar na anticipación aos incendios forestais
 

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2022

A Xunta salientou a importancia do proxecto Forvalue para evitar a perda de biodiversidade e garantir a protección dos valores paisaxísticos. Así o explicou o director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, durante a súa intervención no Taller divulgativo celebrado na Cidade da Cultura sobre esta iniciativa de colaboración entre Galicia e Portugal.

 

Dentro do obxectivo de compartir experiencias e xerar ferramentas que favorezan a resiliencia do territorio fronte aos incendios, o director do IET puxo en valor a importancia tanto da información territorial e a súa análise como da participación directa de quen vive no territorio e mantén vivas as actividades que se desenvolven nel.

 

De feito, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participa neste proxecto, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (Poctep) 2014-2020, pola súa responsabilidade na coordinación da produción, xestión e difusión da información xeográfica e da actividade cartográfica, así como da protección e mellora dos valores paisaxísticos.

 

E, nesa liña, o IET adxudicou por un importe de case 46.000 euros o servizo para a obtención dunha cartografía específica e unha base topográfica de usos e coberturas do solo a escala 1/5.000 que dea apoio aos requirimentos do proxecto, ademais de impulsar unha nova plataforma de xestión forestal e o desenvolvemento dunha aplicación como ferramentas de apoio tecnolóxico que contribúan a mellorar a coordinación nesta materia.

Pola súa parte, José Luis Cabarcos, director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria -que coordinou o proxecto desde a Xunta a través do Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán-, clausurou o acto poñendo en valor tanto esta iniciativa transfronteiriza como as administración e entidades implicadas no obxectivo de avanzar na anticipación aos incendios forestais.

 

Nese senso, celebrou o impulso dun conxunto de modelos de xestión nos que se combinará a mellora do aproveitamento do espazo forestal e da biomasa coa xeración de emprego e riqueza, a potenciación de estratexias e ferramentas TIC de coordinación para a planificación e xestión forestal no territorio limítrofe entre Galicia e Portugal e o fomento de novas unidades de xestión forestal con visión transfronteiriza. 

 

Cómpre engadir que no acto tamén participou a xefa do servizo de Propiedade Forestal da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Belén Bris, para falar precisamente da necesidade de apostar por novas fórmulas de xestión do territorio.  

Imaxes relacionadas