A Xunta destina este ano máis de 16 M€ a favorecer a conciliación e a corresponsabilidade

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, clausurou hoxe o IV Foro da Muller organizado pola asociación Empresarias de Galicia

Destacou que a Xunta, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, ten en marcha o Plan Emprega Muller con 35,8M€ de apoios integrais para a formación, o acceso, o mantemento, a consolidación e a promoción profesional das galegas

Convidou ás empresarias a se converter en “embaixadoras” da igualdade de oportunidades e subliñou o seu papel de xeradoras de emprego na comunidade
 

Nigrán (Pontevedra), 28 de xuño de 2022

A Xunta está a destinar este ano máis de 16 millóns de euros a favorecer á corresponsabilidade nos coidados familiares e para fomentar medidas de impulso á conciliación. A directora xeral de Relacións Laborais clausurou en Nigrán o IV Foro da Muller organizado pola asociación Empresarias de Galicia onde puxo en valor o amplo abano de actuacións que tanto a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade como o conxunto do Goberno galego de xeito transversal, están a acometer no seu firme compromiso de avanzar na igualdade laboral na comunidade.

Galicia dispón este ano máis de 16 millóns de euros para apoios á conciliación e para minimizar as dificultades das mulleres galegas para manterse ou reintegrarse ao mercado laboral. “Queremos que exista un auténtico equilibrio na distribución das responsabilidades familiares e facer compatible a maternidade e/ou paternidade co mercado laboral”, especificou a directora xeral de Relacións Laborais, quen remarcou que estas medidas constitúen un exemplo real da visión integral das políticas públicas en materia de igualdade que desenvolve a Xunta de Galicia, que está a transversalizar as actuacións de apoio á conciliación, para que cheguen da maneira efectiva á cidadanía.

 

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade ten en marcha, na mesma liña, o novo Plan Emprega Muller, con 35,8 millóns de euros que se distribúen en 8 programas específicos con apoios integrais para a formación, o acceso, o mantemento, a consolidación e a promoción profesional das mulleres galegas. No mesmo enmárcase o programa Emega de impulso de emprego feminino autónomo, que duplicará este ano o seu orzamento ata os 4,2 millóns de euros, anunciou Elena Mancha. A directora xeral tamén fixo referencia ao programa Emprega Muller para a contratación de traballadoras por parte das empresas, que conta este ano con  4,8 millóns de euros e espera superar as 1.000 mulleres beneficiarias.

“O colectivo de mulleres recibe apoios a efectos de programas específicos de formación, como o programa Medrando Xuntas, que ofrece formación específica en dous eidos: o das directivas, para mulleres con responsabilidades de goberno e dirección (60 horas de formación); e socias e traballadoras, con 20 horas de cualificación”, lembrou Mancha.  

A directora xeral puxo en valor o papel que a asociación Mulleres Empresarias está a representar na comunidade, por poñer o foco nas mulleres, colectivo prioritario nas políticas de emprego e igualdade e nas emprendedoras, como axentes xeradoras de postos de traballo na comunidade.

Mancha rematou convidando ás participantes no foro a se converter en “embaixadoras da igualdade de oportunidades”. “Cantas máis mulleres consigan formar parte activa do mercado de traballo, en igualdade de condicións e salarios e acaden o espazo de liderado equilibrado que lles corresponde, máis estaremos mellorando a nosa sociedade e a nosa contorna presente, e tamén futura”, recalcou.  

Imaxes relacionadas