Gabriel Alén salienta os traballos da Xunta no monte ‘Serra da Peneda’, en Arnoia, como un exemplo de prevención integral contra o lume

Ourense, 28 de xuño de 2022

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, supervisou esta mañá, acompañado do alcalde, Rodrigo Aparicio, as actuacións de prevención contra o lume que a Consellería do Medio Rural está a desenvolver no Monte de Utilidade Publica do Concello de Arnoia, nomeado “Serra da Peneda, San Miguel, Novelle e Carixa”, que consta de 600 hectáreas de extensión con uso forestal e en plena produción.
 

O delegado territorial explicou que estas actuacións son un exemplo das medidas preventivas que está a desenvolver a Xunta para a loita contra os lumes forestais. Deste xeito, na provincia de Ourense dende o ano pasado estase traballando en 3.718,4 hectáreas de cortalumes, 2.334,97 km de pistas, 107 novos puntos de auga e 2.195 existentes.


Gabriel Alén lembrou que a Xunta destina este ano un total de 33,1 millóns de euros ao Plan de prevención de incendios forestais, o que supón incrementar a súa dotación preto dun 13% respecto do exercicio anterior.


En total, con eses fondos está previsto actuar en máis de 58.600 hectáreas de terreo e en 5.780 quilómetros de pistas forestais e outras vías. Deste xeito increméntanse lixeiramente as previsións canto á superficie de intervención, ao tempo que medra preto dun 16% a cifra de quilómetros. Ademais, neste plan tamén se establece como horizonte a construción de 111 novos puntos de auga e a mellora dos 4.750 existentes. Isto suporá actuar nun total de 4.861 puntos.


O principal obxectivo deste plan preventivo é anticiparse aos incendios forestais ou que, no caso de que se rexistren, a súa propagación sexa a menor posible. Asemade, entre as súas finalidades específicas están as de limitar a potencialidade dos grandes incendios forestais (GIF), elaborar a cartografía necesaria para planificar as actuacións preventivas con maior eficiencia ou deseñar unha rede infraestruturas preventivas correctamente dimensionada e mantela en bo estado de conservación. Trátase tamén de xestionar a biomasa forestal en zonas estratéxicas mediante técnicas silvícolas axeitadas e de fomentar actuacións silvopastorais e pasteiros.


Actuacións no Monte Serra da Peneda, San Miguel, Novelle e Carixa
O monte dispón dun proxecto de ordenación como documento de xestión forestal actualizado no ano 2018 e dende entón en aplicación. Así mesmo está incluído nos Sistemas de certificación de xestión forestal sostible da Xunta de Galicia e conta coas correspondentes certificacións PEFC como de FSC. Tamén dito monte vai obter a Certificación de Servizos eco sistémicos de Carbono de F.S.C.


As actuacións que se desenvolveron en 2020-2021 consistiron na execución de claras sobre os rodais previstos de latizal de pinus pinaster, sobre un total de 180 hectáreas, extraéndose entre ambos os 2 últimos anos un total de 16.500 toneladas.


Na primavera do ano 2022, a Consellería do Medio Rural , a través do Distrito Forestal XI, levou a cabo distintos traballos nos concellos da Arnoia, Beariz, Boborás e o Irixo que incluíron a limpeza de cortalumes en 15 hectáreas; a limpeza e escavación de cunetas de pistas en 30 km; o refino e o planeo de todas as pistas forestais do monte en 30 km.
 

Adicionalmente o Concello da Arnoia, con cargo ao fondo de melloras, aportou 1.950 toneladas de zahorra e a maquinaria necesaria para o estendido e compactación sobre as pistas forestais do monte.


Ademais das actuacións ordinarias previstas no Proxecto de Ordenación do Monte a Consellería do Medio Rural está redactando 3 novos proxectos de actuacións de mellora do monte: mellora de masas de frondosas consolidadas (50.000 euros); eliminación de especies invasoras (40.000 euros) e proxecto de mellora do uso recreativo do entorno da Capela de San Miguel (15.000 euros).

 

Imaxes relacionadas