A Xunta apoia con 6 M€ os 84 centros de información á muller e programas locais para previr a violencia de xénero, promover a igualdade e a conciliación

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución do programa autonómico, que permitirá aos concellos, consorcios ou mancomunidades poñer en marcha, entre outros, actuacións contra a violencia de xénero e/ou a explotación sexual e para facilitar a corresponsabilidade e a igualdade

A iniciativa inclúe 4 millóns para financiar o funcionamento dos 84 Centros de Información á Muller (CIM) de Galicia con apoios máximos de ata 120.000 euros

Coas axudas concedidas dáse cobertura ao 75% das entidades locais galegas e a preto do 86% da poboación
 

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2022

A Xunta investirá este ano preto de seis millóns de euros nas axudas dirixidas a apoiar os 84 centros de información á muller de Galicia e os programas locais destinados a promover a igualdade, previr e tratar a violencia de xénero e fomentar a conciliación da vida persoal, laboral e familiar dos concellos, consorcios ou mancomunidades galegas.

 

Os apoios, en concreto, para os que se conceden anticipos de ata o 80% das axudas (na pasada convocatoria fixouse no 75%), inclúen financiamento para tres tipos de programas: fomento da conciliación con 94 entidades beneficiadas; promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e tratamento da violencia de xénero con 41 entidades beneficiadas; e apoio aos 84 CIM de Galicia. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución desta iniciativa coa que se dá cobertura ao 75% dos concellos galegos (unha entidade beneficiaria da axuda pode prestar servizo a máis localidades) e a preto do 86% da poboación.

 

No primeiro dos programas, para o fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar, destínanse máis de 1,4 millóns de euros. A Xunta quere axudar con el a que as entidades locais poidan levar a cabo medidas (campamentos de verán, en Nadal ou outro tipo de medidas de conciliación) que fomenten a corresponsabilidade entre mulleres e homes con contías que van dos 18.000 euros para os concellos que se presentaron á convocatoria deste ano de xeito individual aos 30.000 para os de xestión compartida que resultaron beneficiados. As contías máximas aumentan con respecto ás anteriores convocatorias, con 3.000€ máis no caso da xestión individual e con 2.000€ máis para a compartida.

 

A segunda liña, con preto de medio millón de euros de orzamento, céntrase na promoción da igualdade e da prevención e tratamento da violencia de xénero. A Xunta financia accións orientadas a previr a violencia de xénero e mellorar a situación persoal, social e laboral das mulleres vítimas, das súas fillas e fillos e das persoas delas dependentes. Ábrense estes apoios a medidas de loita contra a explotación sexual, incluída a prostitución. As contías neste caso van dos 15.000 aos 28.000 euros para entidades que concorreron á convocatoria de xeito individual ou en conxunto, respectivamente. As contías máximas aumentan nos dous casos en 3.000 euros. 

 

Apoio decidido aos CIM

A terceira liña de axudas ten como obxectivo apoiar a rede de centros de información ás mulleres (CIM), integrada actualmente por 84 centros na nosa Comunidade e que dan cobertura a un total de 191 concellos. O Goberno galego apoia o financiamento dos postos de traballo dos CIM -dirección, asesoramento xurídico e atención psicolóxica- e dos axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero, destinando a este programa 4 millóns de euros. Cada entidade que vén de resultar beneficiaria destas axudas pode recibir como máximo 45.000 euros e ata 120.000 euros no caso de que se presentaran á convocatoria de xeito compartido.

 

A Xunta leva investidos nestes programas cos que apoia o labor das entidades locais de Galicia para a promoción da igualdade, o fomento da conciliación e a loita contra a violencia de xénero máis de 64 millóns de euros desde 2009 ata o de agora, incluída a convocatoria deste ano.

Imaxes relacionadas