A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, compareceu no Parlamento para expoñer o traballo realizado polo Goberno galego nesta materia

A Xunta aposta por unha atención individualizada da discapacidade desde a infancia ata a vellez e que implique a toda a sociedade

Destaca a creación da Dirección xeral de Persoas con Discapacidade, que converte a Galicia nunha das poucas comunidades cun departamento centrado neste eido

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2022 A Xunta aposta por unha atención individualizada da discapacidade desde a infancia ata a vellez e que implique a toda a sociedade. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, compareceu esta mañá a petición propia no Parlamento galego no marco da Comisión especial non permanente de discapacidade, que desempeñou un traballo de análise e seguimento nesta materia durante as últimas catro lexislaturas.

 

Fabiola García apuntou que durante os últimos anos Galicia ten avanzado moito en materia de discapacidade e agradeceu a colaboración dos expertos e profesionais que pasaron por esta Comisión especial pola súa colaboración. Neste sentido, resaltou que un dos últimos avances foi a creación da Dirección xeral de Persoas con Discapacidade, que converte a Galicia nunha das poucas comunidades en contar cun departamento centrado integramente a esta materia.

 

A conselleira resaltou que este departamento garante unha atención individualizada ás persoas con discapacidade e permite darlles a visibilidade necesaria. Así mesmo, durante a súa comparecencia anunciou que nas vindeiras semanas avanzarase nunha das demandas do sector como é a convocatoria das primeiras prazas de atención á discapacidade en réxime de concerto.

 

Fabiola García sinalou que esta convocatoria de prazas en réxime de concerto facilitará que as persoas con discapacidade non teñan que trasladarse milleiros de quilómetros para acceder a unha praza pública, senón que contarán cos servizos necesarios o máis próximo posible do seu domicilio. Mediante este sistema, crearase unha bolsa de entidades que estarán en condicións de ofrecer prazas alí onde sexan necesarias.

 

Atención á infancia

Fabiola García apuntou que cando xorden as primeiras sospeitas ou indicios de que un neno pode ter discapacidade as familias precisan de profesionais que sexan quen de realizar un diagnóstico rápido e exhaustivo do seu caso. Por este motivo, o Goberno galego multiplicou o número de unidades de atención temperá por toda a Comunidade.

 

Na actualidade, existen en Galicia 36 unidades de atención temperá en funcionamento por toda Galicia ás que se sumarán dez de nova creación da última orde de axudas, é dicir, este mesmo ano Galicia contará cun total de 46 unidades. Así mesmo, Fabiola García lembrou que con esta última orde atendeuse ás petición de todos os concellos que solicitaron abrir unha unidade de atención.

 

Esta atención continúa durante a etapa educativa onde Galicia conta cunha das taxas máis altas de integración educativa. O 93% do alumnado galego con necesidades educativas especiais está escolarizado nun centro ordinario. Trátase, lembrou a conselleira, de dez puntos máis que a media estatal que se sitúa nun 83%.

 

Inserción no emprego

A conselleira resaltou que para promover o lecer e a aprendizaxe non formal das persoas con discapacidade, a Xunta tamén ofrece cada ano unha ampla oferta de actividades adaptadas. Neste sentido, apuntou que máis de 150 mozos con discapacidade participaron nas últimas edicións da campaña de verán e dos programas Primavera e Outono Xove. Unha oferta que se suma ás convocatorias específicas destinadas a persoas con discapacidade de máis de 11 anos de idade.

 

O Goberno galego apoia ás persoas con discapacidade no seu acceso ao emprego a través dos centros especiais, de prazas reservadas para o acceso ao emprego público ou promovendo actividades nos centros ocupacionais. Os últimos datos dispoñibles, do ano 2020, apuntan a un total de 14.700 persoas con discapacidade afiliadas á Seguridade Social, o que sitúa a Galicia como a cuarta comunidade que máis logrou incrementar a súa inserción durante os últimos anos.

 

En canto ao acceso aos servizos, a conselleira destacou que a Xunta traballa da man dos concellos e das entidades sociais nun novo decreto de accesibilidade que permita ofrecer facilidades ás persoas con discapacidade na mobilidade ou no acceso a servizos. Nestes momentos, o Goberno galego atópase incluíndo as alegacións achegadas polos diferentes organismos para contar canto antes cun documento que unifique as actuacións a realizar polas distinta administracións.

 

Un 30% máis de prazas de atención

Pola súa banda, a Xunta continúa incrementando o número de prazas para atender a aquelas persoas que precisan de coidados e atención diario especializada. En concreto, afirmou que Galicia incrementou nun 30% o número de prazas de atención á discapacidade desde o ano 2009 ata chegar ás 5600.

 

Así mesmo, a conselleira lembrou o importante papel das familias na atención diaria ás persoas con discapacidade. Lembrou que o Goberno galego ofrécelles axudas a través do programa Respiro Familiar que permite “coidar ao coidador” e permitirlles ter momentos de descanso. Neste último ano, a Xunta investiu 600.000 euros nesta iniciativa.

 

Por último, puxo en valor o traballo das entidades sociais para promover unha Galicia máis integradora e xusta coas persoas con discapacidade. A Xunta incrementa cada ano as axudas destinadas para a súa sustentabilidade, para o que se destinaron 9,3 millóns o pasado ano; e eleváronse nun 65%, ata os 10 millóns de euros as axudas con cargo á casilla social do IRPF.

 

Así mesmo, afirmou que nas vindeiras semanas aprobaranse novas axudas destinadas ás entidades sociais por un valor de 17 millóns de euros para a adquisición de vehículos e para a reforma de centros. Con todo isto, a conselleira lembrou que as contas do Goberno galego seguen reforzándose para ofrecer a mellor atención ás persoas con discapacidade. Neste ano 2022, destacou, destináronse máis de 142 millóns de euros, un 12% máis que no ano 2021.

Imaxes relacionadas