A nova Axenda Enerxética de Galicia busca que o 85% da xeración eléctrica proceda de renovables en 2030

A secretaria xeral de Industria da Xunta, Paula Uría, presentou a folla de ruta esta tarde en Santiago, nun curso sobre os retos tecnolóxicos na produción e almacenamento de enerxías renovables organizado pola Real Academia Galega de Ciencias

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2022

A secretaria xeral de Industria da Xunta de Galicia, Paula Uría, presentou hoxe en Santiago, nun curso sobre os retos tecnolóxicos na produción e almacenamento de enerxías renovables organizado pola Real Academia Galega das Ciencias (RAGC), a nova Axenda Enerxética de Galicia. Esta folla de ruta ten entre os seus obxectivos que o 85% da xeración eléctrica proceda de renovables en 2030, e establece obxectivos cuantitativos intermedios para acadar a neutralidade climática en 2050.

 

A previsión do Goberno galego é investir arredor de 630M€ no período 2022-2024 para acadar unha mobilización público-privada de máis de 1500 millóns. Tal e como explicou Paula Uría, a nova planificación, que se tratou no Consello da Xunta da semana pasada, impulsaranse medidas que permitan aos fogares realizar un consumo máis eficiente e reducir así a súa factura eléctrica. Xunto ás familias, o Goberno galego presta especial atención a pemes, autónomos e industria co desenvolvemento de novas accións como os incentivos para mellorar as infraestruturas enerxéticas nos polígonos e a posta en marcha de comunidades enerxéticas empresariais.

 

Preténdese tamén diminuír a dependencia enerxética do exterior, descarbonizando os sectores económicos e sociais, e posicionar Galicia como un polo enerxético innovador, ao tempo que se aposta por unha industria eficiente e sostible.

Imaxes relacionadas