O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou hoxe as instalacións

A Xunta de Galicia ampliará as prazas dispoñibles no centro de día público de Baiona

Incrementarase a oferta deste servizo ata practicamente a súa máxima capacidade, que son 40 usuarios

Baiona (Pontevedra), 27 de xuño de 2022 A Xunta de Galicia ampliará o número de prazas dispoñibles no centro de día público para persoas maiores de Baiona. Avanzouno hoxe o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, durante unha visita a estas instalacións ás que asisten diariamente 25 usuarios.

 

Perfecto Rodríguez explicou que o Executivo autonómico vén de iniciar os trámites para ampliar o número de prazas operativas no centro, co fin de incrementar a súa oferta ata practicamente a súa máxima capacidade, que é de 40 prazas. Ao respecto, sinalou que con esta medida poderase atender a más familias dos concellos de Baiona, Nigrán e Gondomar, que conforman a Mancomunidade do Val Miñor, e que teñen interese en que os seus maiores se beneficien dos coidados e a atención integral que se presta neste equipamento.

 

Así mesmo, o xerente do Consorcio sinalou que os centros de día da rede pública da Xunta funcionan desde hai meses con normalidade. Unha vez deixados atrás os momentos máis duros da covid-19, os centros retomaron as súas actividades habituais e co retorno aos mesmos de moitos usuarios que decidiron quedar nas súas casas durante a pandemia.

 

Mochilas sensoriais

Perfecto Rodríguez aproveitou a visita ao centro de día de Baiona para asistir á presentación das chamadas `mochilas sensoriais`, xunto co alcalde do concello de Nigrán, Juan Gómez, e outros representantes da Mancomunidade.

 

Trátase dun dispositivo que permite ás persoas xordas ou con dificultades auditivas percibir a través de vibracións a intensidade e ritmo da música. Os maiores do centro tiveron a oportunidade de probar este dispositivo.

Imaxes relacionadas