A Xunta activa o convenio con Farmamundi para o fortalecemento do sistema de saúde no distrito de Alkahera no Iemen

A intervención permitirá apoiar dous centros de saúde para reforzar a subministración de medicamentos específicos para enfermidades crónicas e garantir atención médica á poboación

Investiranse 10.000 euros co obxectivo de beneficiar 2.333 persoas, na súa meirande parte desprazadas internas
 

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2022.-

A Xunta vén de activar o convenio con Farmamundi para a posta en marcha dunha intervención de emerxencia para o fortalecemento do sistema de saúde no distrito de Alkahera no Iemen. A intervención, orzamentada en 10.000 euros, realizarase da man da asociación Development Hodeida Girls Foundation (SDHGF) na cidade de Taiz, a terceira máis grande do país.

Así, dáselle continuidade a unha iniciativa previa levada a cabo en 2021 para apoiar a dous centros de saúde. O obxectivo é reforzar a subministración de medicamentos específicos para enfermidades crónicas e garantir a atención médica á poboación. Prevese beneficiar a 2.333 persoas, na súa meirande parte desprazadas internas.  

Con 30,8 millóns de habitantes, no Iemen preto do 76% da cidadanía precisa dalgún tipo de asistencia humanitaria, segundo os últimos datos de ACNUR. A poboación civil vese afectada por anos de conflito bélico, enfermidades, inseguridade alimentaria e un severo declive económico que está a levar ao país a unha situación de colapso dos servizos esenciais. A escaseza de recursos humanos, equipos e subministracións está a obstaculizar a prestación de servizos de saúde, con especial impacto na atención a mulleres e menores.

A intervención no Iemen execútase ao abeiro do convenio asinado este ano con Farmamundi. Dende o ano 2009 ata agora asináronse 12 acordos anuais de resposta ante emerxencias con esta organización, por un monto de 839.044 euros.

Atención ás poboacións máis vulnerables

O obxectivo é realizar as actuacións que ambas partes establezan, de cara a atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano, con especial énfase nos colectivos máis vulnerables, mediante a provisión inmediata de bens e servizos esenciais para a supervivencia (auga, abrigo, medicamentos, atención sanitaria ou outro material de primeira necesidade) e paliar o sufrimento das poboacións afectadas por crises de longa duración e desequilibrios crónicos e estruturais, con énfase en países e poboacións de menor Índice de Desenvolvemento Humano (IDH).

Imaxes relacionadas