A Xunta organiza en Boqueixón un obradoiro práctico sobre as especies vexetais multifuncionais en agroecoloxía

O curso terá lugar os días 2 e 9 de xullo e impartirase no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude

 

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2022 A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto celebrar unha acción formativa sobre especies vexetais multifuncionais. Levarase a cabo no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude, no concello de Boqueixón o 2 e o 9 de xullo cunha duración total de 12 horas, en horario de mañá e de tarde

 

Os obradoiros abordan tanto aspectos teóricos coma prácticos sobre o estudo das especies vexetais multifuncionais e a súa adaptación fronte ao cambio climático. Estas iniciativas están dirixidas ás persoas vinculadas profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandería, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, e tamén ás persoas con expectativa de incorporación, en concreto a xuventude do medio rural.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende proporcionar aos alumnos deste curso coñecementos e ferramentas básicas sobre as especies que medran no entorno natural e nas hortas agroecolóxicas. Ademais pretende amosar as diferentes especies, tanto silvestres como cultivadas, e as vantaxes dos vexetais.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e facer a pre-inscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador poñerase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se está ou non admitido. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 881 867 331, ou enviarse un correo a cursos.acagal.sergude@xunta.gal.