A Xunta investirá máis de 3,6 M€ na urbanización da ampliación do parque empresarial de Xinzo de Limia

O Consello de administración de Xestur acaba de autorizar a licitación das obras así como dos contratos de dirección facultativa e control de calidade correspondentes


A ampliación ocupará un total de 118.695 metros cadrados e contará con 19 parcelas
 

 Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2022 A Xunta de Galicia destinará máis de 3,6 millóns de euros ás obras de urbanización do polígono 2 do parque empresarial de Xinzo de Limia. Así o acordou esta semana o Consello de administración de Xestur, que autorizou a licitación das obras e tamén dos contratos de dirección facultativa e de control de calidade correspondentes.

 

Deste xeito, a empresa pública licitará o contrato para a execución das obras de urbanización por un importe de 3.515.063 euros, IVE incluído, e un prazo de execución de 9 meses. Tamén licitará o contrato para a dirección facultativa das obras, por importe de 83.373 euros, e o control de calidade das mesmas, por 53.922 euros. A contía total dos tres contratos é de 3.652.358 euros.

 

O polígono 2 do parque de Xinzo de Limia ocupará unha superficie total de 118.695 metros cadrados, dos que 86.521 corresponden ás 19 parcelas de uso industrial e ás 4 de uso terciario nas que estará dividido. A empresa pública Xestur xa é propietaria da totalidade dos terreos nos que se vai asentar a ampliación do polígono, que foron adquiridos por un importe de 808.826,36 euros.

 

Ademais, Xestur financiará con 46.890 euros as obras de conexión da ampliación do polígono á rede de distribución de gas, obras que realizará a distribuidora Nedgia.

 

Por último, cómpre lembrar que a primeira fase do parque empresarial de Xinzo de Limia foi promovida por Xestur Ourense, cun investimento de 4.993.513,68 euros. Todas as parcelas do mesmo están xa vendidas.