O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visita o centro para presentar o proxecto e despedir o curso co se alumnado

Román Rodríguez anuncia un investimento de 735.000€ para a rehabilitación do instituto IES A Xunqueira I de Pontevedra

O representante da Xunta explica que esta obra se enmarca no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, para o deseño de centros máis accesibles, amplos e flexibles

O Goberno galego está a facer fincapé na mellora da eficiencia enerxética dos centros, coa finalidade de que sexan máis sustentables

Pontevedra, 25 de xuño de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou esta semana o instituto IES A Xunqueira I, en Pontevedra, para presentar o proxecto de rehabilitación integral deste centro, que suporá un investimento de 735.000€ por parte da Xunta de Galicia, e despedir o curso co seu alumnado.

 

O representante do Goberno galego explicou que esta actuación se enmarca no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego para renovar as instalacións educativas en base a un modelo de espazos máis accesibles, amplos e flexibles, en conexión coas necesidades do ensino do século XXI.

 

Outras das premisas do plan é acadar centros máis sustentables. Neste sentido, a Xunta está a facer fincapé na mellora enerxética dos centros, como é o caso desta obra no IES A Xunqueira I.

 

En concreto esta actuación, que vén de licitarse, inclúe melloras na fachada a través do seu illamento exterior e da colocación de catro novas carpinterías exteriores e vidros (incluída persiana e caixa de persiana). Ademais, para mellorar a accesibilidade do instituto instalarase un ascensor.

 
Remodelación interior

No referido aos elementos construtivos interiores, acometerase a montaxe de falsos teitos en diferentes áreas e renovarase o revestimento interior do centro mediante pintura plástica branca ou en cores claras, tanto en paramentos verticais como horizontais.

 

A actuación completarase coa reforma dos aseos da planta de acceso ao edificio, a creación dunha nova aula no espazo ocupado por un dos almacéns e o cambio da iluminación interior do centro, entre outras melloras.

Imaxes relacionadas