O conselleiro do Medio Rural coñeceu en Portugal os viveiros do Furadouro, do grupo empresarial Altri, que producen anualmente uns sete millóns de plantas forestais

A Xunta aposta por un sector forestal sustentable e por un enfoque multifuncional para o monte galego

José González, acompañado polos directores de Planificación e Ordenación Forestal e da Axencia Galega da Industria Forestal, destacou a importancia deste eido produtivo para o rural da nosa comunidade
Puxo en valor o interese e o traballo da Xunta por implantar un Polo forestal en Palas de Rei (Lugo) capitaneado pola empresa Altri, cun investimento de 750 millóns de euros e con capacidade para xerar 2.500 empregos directos e indirectos
 

 

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2022  A Xunta aposta por un sector forestal sustentable, tanto dende o punto de vista económico como social e ambiental, e por un enfoque multifuncional do monte galego que permita aproveitar todas as súas potencialidades e os seus recursos.

 

Así o reafirmou o conselleiro do Medio Rural, José González, na súa visita aos viveiros do Furadouro, situados na localidade portuguesa de Olho Marinho (a uns 90 quilómetros de Lisboa) e pertencentes ao grupo Altri. Nestas instalacións, que teñen unha capacidade de produción anual de arredor de sete millóns de plantas forestais e que fornecen a todo o país luso, González destacou a importancia do eido forestal para Galicia.

 

Neste contexto, o conselleiro, que estivo acompañado polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e polo director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, puxo en valor o interese e o traballo da Xunta por implantar un Polo forestal en Palas de Rei (Lugo). Trátase, salientou, dunha iniciativa estratéxica de 750 millóns de euros de investimento e 2.500 empregos directos e indirectos que pode situar a Galicia como referencia na xeración de materiais de futuro, como as fibras téxtiles.

 

Nesta liña, o titular de Medio Rural destacou que o proxecto que lidera Altri se axusta aos criterios establecidos para recibir fondos europeos, uns recursos que se activarán para impulsar unha economía máis sustentable.

 
Liderado nacional de Galicia

Ademais, o conselleiro puxo en valor a condición de líder nacional de Galicia na produción de madeira e destacou, nese sentido, que na nosa comunidade se rexistran arredor da metade das cortas de toda España. Reiterou -ao fío dese potencial- a aposta da Xunta pola sustentabilidade desta actividade estratéxica no rural galego. Unha aposta que se materializa -dixo- no impulso a producións como as de biofibras téxtiles a partires da madeira. Neste sentido, lembrou o carácter versátil da madeira, con diferentes usos centrados por exemplo no mundo da construción, pero tamén en eidos nos que ten un gran porvir, caso da industria da moda, a través das devanditas biofibras.

 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural