A Xunta e a Comisión Fulbright seleccionan a cinco mulleres para completar os seus estudos en EEUU entre unha vintena de profesionais da cultura

Os cinco bolseiros que a partir de este verán se incorporarán aos seus destinos asistiron esta semana a unha xornada de orientación na Embaixada de Estados Unidos na que estivo o secretario xeral técnico da Consellería, Manuel Vila

Realizarán estadías de formación, investigación ou desenvolvemento de proxectos nas areas de artes audiovisuais, escénicas, plásticas e visuais, á música e musicoloxía, á museoloxía e conservación do patrimonio e á xestión cultural

Estas bolsas redundarán tanto na mellora da calidade do traballos das persoas seleccionadas como na súa proxección a nivel galego, estatal e internacional

As galegas do ámbito da cultura que participan nesta segunda edición son Alicia Cerrada Fernández, María Pía Nicoletti Pascual, Evelyn Ramírez Fernández, María del Mar Ramón Soriano e Bandia Ribeira Cendán
 

Madrid, 25 de xuño de 2022

A Xunta de Galicia e a Comisión Fulbright veñen de seleccionar a cinco mulleres para trasladarse a Estados Unidos e completar os seus estudos ao abeiro do programa de bolsas convocado entre as dúas organizacións. Trátase de cinco profesionais da Cultura que esta semana asistiron a unha xornada de orientación en Madrid na que tamén estivo o secretario xeral Técnico da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, Manuel Vila.

 

O acordo entre a Comisión Fulbright e o Goberno galego para promocionar e divulgar o patrimonio e a cultura de Galicia a través de estadías que terán unha duración de entre seis e 12 meses é unha iniciativa pioneira no noso país, tal e como se recoñeceu nesta xornada.

 

As seleccionadas para participar nesta iniciativa foron elixidas entre unha vintena de profesionais vinculados, todos eles, con Galicia por nacemento, residencia, formación en estudos superiores ou artísticos e traxectoria profesional. As cinco profesionais realizarán estadías de formación académica, de investigación artística ou de desenvolvemento de proxectos cun sólido compoñente investigador nas áreas de artes audiovisuais, escénicas, plásticas e visuais, á música e musicoloxía, á museoloxía e conservación do patrimonio e á xestión cultural.

 

As estadías antes de decembro de 2023 co obxectivo de redundar tanto na mellora da calidade do traballos das persoas seleccionadas como na súa proxección a nivel galego, estatal e internacional. En concreto, as galegas que participarán na segunda edición destas axudas son Alicia Cerrada Fernández, María Pía Nicoletti Pascual, Evelyn Ramírez Fernández, María del Mar Ramón Soriano e Bandia Ribeira Cendán.

 

Así, Alicia Cerrada Fernández, de Vigo, trasladarase ata Os Ánxeles para completar a súa formación no Musicians Institute College of Contemporary Music tras cursar un máster de piano na University of the Arts - Noord-Bravan dos Países Baixos.

 

María Pía Nicoletti Pascual, pola súa banda, estudou Arte Dramático na Escola Superior de Arte Dramático de Galicia e agora vai facer un ano de formación na escola de teatro DellArte Internacional en Blue Lake, California.

 

Evelyn Ramírez Fernández, de Pontevedra, cursou Artes Escénicas coa especialidade de danzas urbanas en Londres e agora completará os seus estudos na Broadway Dance Center de Nova York.

 

Tamén se instalará en Nova York María del Mar Ramón Soriano, que ampliará a tese doutoral que iniciou na Universidade de Vigo cunha investigación sobre a creación na Parsons School of Design.

 

Por último, Bandia Ribeira Cendán, que actualmente traballa como fotógrafa nas Pontes, trasladarase a Estados Unidos para afondar nos seus coñecementos sobre fotografía en varias institucións como a Axencia Magnum, o College of Charleston en Carolina do Sur ou na Universidade Humboldt State de California.

 
Cobertura

O orzamento total da convocatoria ascende a preto de 200.000€, dos que a Xunta de Galicia achega case o 75%. As bolsas están destinadas a gastos de viaxe, manutención das bolseiras, gastos de proxecto, de matrícula e taxas obrigatorias que poidan existir, así como gastos de xestión. Pola súa banda, a achega da Comisión Fulbright cobre os gastos de cobertura médica e de accidentes das bolseiras durante a súa estancia no estranxeiro, entre outros.