A Xunta e Strategic Minerals avalían as oportunidades que mina Penouta abre para as cadeas de subministración de compoñentes tecnolóxicos

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo unha reunión con directivos desta compañía que presentaron o proxecto de sustentabilidade enerxética que prevén desenvolver en Viana do Bolo

O pase a concesión de Mina Penouta implica a creación de 60 empregos directos, un investimento de 40,5M€ e a obtención de 50 millóns de toneladas de coltán
 

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2022

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, avaliou esta semana con directivos de Strategic Minerals o impacto positivo que o pase a concesión de Mina Penouta (Viana do Bolo) pode ter nas cadeas de subministración de compoñentes tecnolóxicos.

 

De feito, o tantalio e o niobio están considerados elementos estratéxicos e o estaño é un mineral necesario para a transición enerxética pola súa escaseza e importantes propiedades na fabricación de compoñentes electrónicos para a automoción, así como para procesos químicos, instrumentos quirúrxicos ou mesmo implantes.

 

A Xunta de Galicia vén de conceder o pase a concesión da sección C da mina de Penouta por 30 anos, o que se traducirá na creación de 75 empregos directos e un investimento de arredor de 40 millóns de euros.

 

Na reunión, a empresa presentou, ademais, o proxecto de sustentabilidade enerxética da mina que ten como obxectivo acadar o 100% do autoconsumo enerxético a través da xeración de electricidade grazas ao emprego de fontes renovables, como é o caso da fotovoltaica.

 

Para a Administración autonómica a minería trátase dun sector estratéxico -cómpre lembrar que arredor do 8% da produción mineira de España sae de Galicia-. Neste sentido, está elaborando, en consenso cos axentes que compoñen esta industria, a Axenda de Impulso da Minería Sostible. A Xunta busca así impulsar a innovación tecnolóxica e o talento neste sector; fomentar a integración ambiental, a economía circular e a posta en valor do patrimonio mineiro de Galicia; e convertelo nun aliado estratéxico para a modernización das principais cadeas de valor da industria galega.

Imaxes relacionadas