A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, selou vía telemática este acordo co alcalde de Baltar, José Antonio Feijóo

A Xunta asina co concello de Baltar o convenio para a mellora do abastecemento e do saneamento no municipio cun investimento de 88.000 €

Augas de Galicia financiará o 80% do importe total, achegando 70.300 euros, contribuíndo o Concello ao financiamento restante

Mellorarase o abastecemento dos núcleos de Texós, Garabelos, O Bouzo, Gomariz, Santo Antoíño, Montecelo, San Martiño dos Peros, Vilamaior da Boullosa, Sabucedo dos Peros, As Maus, San Paio, A Quinta e Tosende

Trátase de optimizar a calidade e a eficiencia da distribución de auga de consumo, así como de facilitar a regularización das captacións

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou de xeito telemático co alcalde de Baltar, José Antonio Feijóo, o convenio para a execución das obras de mellora do abastecemento e do saneamento do municipio, que suporán un investimento de 88.000 euros.

Segundo o establecido no convenio, Augas de Galicia achegará o 80% do investimento total, 70.300 euros, e o Concello de Baltar contribuirá ao financiamento restante e executará os traballos.

No que se refire ao abastecemento, a intervención pretende dotar a varios núcleos do municipio das infraestruturas necesarias para mellorar a calidade de vida dos seus habitantes e as condicións ambientais da zona.

As actuacións consisten na mellora das instalacións de abastecemento dos núcleos de Texós, Garabelos, O Bouzo, Gomariz, Santo Antoíño, Montecelo, San Martiño dos Peros, Vilamaior da Boullosa, Sabucedo dos Peros, As Maus, San Paio, A Quinta e Tosende.

Trátase de optimizar a calidade e a eficiencia da auga de consumo distribuída e tamén de permitir a regularización  das captacións.

En relación ao saneamento, as obras centraranse na modernización das depuradoras ás que son conducidas as augas residuais domésticas dos diferentes núcleos de poboación.

Estas instalacións presentan deficiencias e requiren a dotación dunha serie de melloras para que funcionen de forma correcta e poidan darse de alta no organismo de conca.

O Goberno galego mantén o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan prestar de xeito eficaz as súas responsabilidades nos servizos de saneamento, depuración e abastecemento, de competencia municipal.