O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria participou por videoconferencia no acto de peche deste proxecto europeo, que se celebrou en Valença do Minho

A Xunta enxalza a cooperación transfonteiriza do proxecto Forvalue e a unión de todas as administracións e entidades para anticiparse aos incendios

José Luis Cabarcos puxo en valor esta iniciativa que buscou compartir experiencias e xerar ferramentas que favorezan a resiliencia do territorio fronte ao lume
Nesa liña, impulsáronse proxectos de xestión nas zonas piloto propostas polos concellos colaboradores (Carballeda de Avia, Arbo, As Neves, Cerdedo-Cotobade e Ponte Caldelas), tomando como base figuras como os polígonos agroforestais
 

 Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2022.- O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, puxo en valor o acadado no marco do proxecto transfronteirizo Forvalue, durante a súa participación telemática no acto que serviu de peche desta iniciativa europea que buscou compartir experiencias e xerar ferramentas que favorezan a resiliencia do territorio fronte ao lume. Coordinado desde a Xunta pola Axencia a través do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, o proxecto comunitario implicou -ademais de á Xunta- a diversas entidades, así como a concellos de Galicia e Portugal, onde se impulsaron proxectos que sentan as bases para a implantación de modelos de xestión e aproveitamento forestal que favorezan a resiliencia do territorio fronte ao lume.

 

En concreto, colaboraron os municipios de Carballeda de Avia, Arbo, As Neves, Cerdedo-Cotobade e Ponte Caldelas. Deste xeito, o obxectivo era promover a xestión de áreas infrautilizadas ou abandonadas xerando actividade económica que sirva -ao tempo- de devasa natural fronte aos lumes, empregando instrumentos como os polígonos agroforestais que recolle a Lei de recuperación, combinando aproveitamentos gandeiros e cultivos como o da vide coa produción forestal.

 

Nesa dirección, outra das figuras clave son as agrupacións forestais de xestión conxunta tamén incluídas na Lei de recuperación da terra agraria, así como no Plan Forestal 2021-2040, e cuxos detalles explicou no acto de Valença do Minho a xefa do servizo de Propiedade Forestal da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Belén Bris. Tras a súa intervención, fixeron o propio coas experiencias piloto impulsadas en Portugal neste eido desde a Associação Florestal do Lima.

 

A maiores, no acto interviñeron outros participantes no proxecto -como o director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, e representantes da Universidade de Santiago de Compostela ou da Asociación Forestal de Galicia- para falar da mellora da coordinación transfronteiriza, de modelos de xestión forestal innovadores e de sistemas silvopastorais como práctica silvoecolóxica, entre outras cuestións. 

 
Forvalue

Cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (Poctep) 2014-2020, o proxecto Forvalue constituíu un marco de colaboración transfronteiriza, co gallo de compartir experiencias e xerar ferramentas que favorezan a resiliencia do territorio fronte aos incendios.

 

Nesa dirección, buscouse promover modelos de xestión innovadores que xeren actividade económica a partir da biomasa producida, fomentar a implantación de fórmulas asociativas para a xestión da propiedade forestal na área de cooperación e favorecer a coordinación transfronteiriza na planificación e xestión do espazo forestal en materia de valorización e resiliencia a través do uso de novas tecnoloxías.

 

A tal fin, o IET adxudicou por un importe de case 46.000 euros o servizo para a obtención dunha cartografía específica e unha base topográfica de usos e coberturas do solo a escala 1/5.000 que dea apoio aos requirimentos do proxecto, ademais de impulsar unha nova plataforma de xestión forestal e o desenvolvemento dunha app como ferramentas de apoio tecnolóxico que contribúan a mellorar a coordinación nesta materia.

 

Dende a Xunta, o proxecto Forvalue estivo coordinado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria a través do Centro de Investigación Forestal de Lourizán. Nel participaron como socios a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, o Instituto de Estudos do Territorio -organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e que foi responsable da xestión da comunicación e divulgación do proxecto -, a Universidade de Santiago de Compostela, a Asociación Forestal de Galicia, o Instituto Politécnico de Viana do Castelo, Forestis - Associação Florestal de Portugal e a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho. O proxecto contou ademais co apoio e colaboración das autoridades locais da área de cooperación: Carballeda de Avia, Arbo, As Neves, Cerdedo-Cotobade e Ponte Caldelas, no caso de Galicia, e Monçao en Portugal.